Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Escribindo dende o psiquiátrico: mulleres e loucura, con Carmen V. Valiña

Destacado

O Obradoiro de creación literaria Escribindo dende o psiquiátrico: mulleres e loucura é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración das librarías Lila de Lilith e Pedreira, de Santiago de Compostela. Será impartida por Carmen V. Valiña, cunha sesión especial coa presenza de Montse Fajardo.

“A loucura construíuse durante séculos en feminino. Non se nos dixo sempre que as mulleres, polo simple feito de selo, xa temos algo de tolas? Este obradoiro propón mirar ao outro lado do espello facendo un percorrido por cinco escritoras que narraron as súas experiencias psiquiátricas.
Ao longo de seis sesións penetraremos nalgunhas das obras desas “tolas” para analizar en profundidade o seu contido e, tamén, as vidas e experiencias psiquiátricas das súas autoras. Comezaremos cunha sesión inicial que nos permitirá comprender como escritura serviu, no caso de moitas mulleres cualificadas como “tolas”, para contrarrestar a narrativa médica construída sobre elas, contar as súas vidas coas súas propias palabras e dar a coñecer, tamén, a súa existencia cotiá dentro do propio manicomio no que foran encerradas.
A continuación, analizaremos a escrita de cinco mulleres, de contextos xeográficos dispares, para comprobar como, ao longo de distintos momentos do século XX, a escritura foi para elas un arma literaria, de refuxio e mesmo de activismo. As escollidas serán Christine Lavant, Leonora Carrington, Janet Frame, Alda Merini e Kate Millet. Con estilos moi dispares, as cinco crearon obras de enorme potencia literaria e humana, reivindicando e explorando  a súa individualidade e os a miúdo borrosos límites entre a tolemia e a cordura,  así  como abordando de maneira crítica as violencias da psiquiatría como ferramenta de control.”

Hai 16 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, no correo electrónico oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.

Horarios, calendario e emprazamentos:
De 10:30 a 13:30 h. os seguintes días:
Sábado 3 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 17 de outubro na Libraría Pedreira.
Sábado 24 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 31 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 7 de novembro na Libraría Pedreira.
Sábado 14 de novembro na Libraría Lila de Lilith.

Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7, baixo).
Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, baixo).

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.