Vídeo do coloquio con Joseba Sarrionandia, Escritor Galego Universal 2024

O venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), tivo lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.

Escritor Galego Universal 2024: Joseba Sarrionandia


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.

Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de corenta títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandia foi un dos tradutores ao éuscaro dos clásicos da literatura galega.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral e Lydia Cacho.

O autor recollerá o seu Premio honorífico como Escritor Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024, que terá lugar o 11 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

O venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), terá lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.

Destacada presenza galega nos Encuentros de Verines

Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega participará na organización dos Encuentros en Verines, unha tradicional cita literaria que desde o ano 1985 reúne na Casona de Verines, en Pendueles (Asturias) a destacados creadores das distintas literaturas e linguas do Estado español. Os Encuentros están organizados polo Ministerio de Cultura e contan coa colaboración do Instituto Etxepare, o Institut Ramon Llull, e o Consello da Cultura Galega.
Os Encuentros en Verines teñen por obxectivo “propiciar o intercambio intelectual entre escritores de todas as linguas de España, para debater sobre o estado das letras nos seus distintos xéneros e con diferentes enfoques”, segundo o Ministerio de Cultura. Por parte galega participarán Luisa Castro, Suso de Toro, Víctor Freixanes e Miguel Anxo Murado, canda recoñecidos escritores doutras linguas do Estado como Xuan Bello, José María Merino, Carme Riera, Miren Agur, Luís García Montero, Soledad Puértolas, Jon Juaristi ou Luis Mateo Díez, entre outros. Están organizados por Víctor García de la Concha.
O programa deste ano propón unha reflexión sobre os últimos trinta anos das letras no Estado a partir do propio aniversario dos Encuentros. A presenza galega será visible en mesas como O diálogo entre as linguas, na que participará Víctor F. Freixanes, 30 anos de poesía, que contará coa presenza de Luisa Castro ou de Linguas e Pensamento, na que falará Suso de Toro. A presenza galega complétase coas reflexións de Miguel A. Murado na mesa El Filandón, relatos e outras ficcións.”

Yolanda Castaño, finalista aos Premios do Tren

“A poeta Yolanda Castaño é unha das doce finalistas aos Premios do Tren, Antonio Machado de Poesía e Conto que convoca a Fundación dos Ferrocarrís Españois. Un total de 976 obras foron as presentadas ao certame, procedentes de 22 países. Despois de que o 14 de setembro rematase o prazo de presentación de obras, a Fundación ven de facer públicos os doce traballos finalistas, seis de poesía e seis de narrativa. Yolanda Castaño é a única muller nos nomes finalistas tanto en poesía como en narrativa e na sección de poesía, a súa obra Tren de vida é a única presentada nunha lingua distinta do español. O fallo do xurado coñecerase o próximo día 28 deste mes nun acto público ao que asistirán os participantes finalistas. Un xurado composto por oito persoas, homes na súa totalidade, decidirá o fallo dun premio dotado en 6.000, 3.000 e 500 euros que contempla a publicación das obras finalistas na Colección Premios do Tren. Entre os membros do xurado atópase Jon Juaristi, Eduardo Mendicutti ou Luis García Montero.” Desde Sermos Galiza.