109 obras compiten nos tres premios Xerais 2011, que se fallarán o vindeiro 11 de xuño

Os xurados dos Premios Xerais declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de xuño. Os premios serán fallados o sábado 11 de xuño na illa de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2011, nomeou aos membros dos tres xurados:
– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta obras, está formado por: Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, esta formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora), María Dolores Tobío Iglesias (profesora), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e seis obras, está formado por: Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.