Perugia, Italia: Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca falarán sobre Poesía e astronomía

O venres 17 de febreiro, ás 17:30, a escritora Estíbaliz Espinosa e Helios Vocca, profesor do Departamentos de Física e Xeoloxía da Universidade de Perugia, falarán das cuestións máis poéticas que ofrece a astronomía. Será na Biblioteca de San Matteo degli Armeni en Perugia (Italia). O encontro enmárcase dentro das actividades que organiza o Centro de Estudos Galegos desta cidade. Entre os aspectos que se tocarán están algúns conceptos metafóricos como o da Vía Láctea, a materia escura ou os buratos negros, ou as imaxes do telescopio espacial James Webb. Para alén de lembrar as figuras máis sobranceiras da astronomía, achegaranse ás conexións entre esta disciplina científica e a poesía, con exemplos de Rosalía de Castro, Emily Dickinson, Walt Whitman, Emilia Pardo Bazán ou Kobayashi Issa.