Arquivos da etiqueta: Laura Míguez
Vídeo da presentación en Vigo de Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual
Vigo: presentación de Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual
A Coruña: presentación de Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual
AveLina Pérez e Paula Carballeira gañan os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María da Agadic
Desde o Agadic:
“Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, é a obra gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da escrita dramática en galego. Así o decidiu o xurado dos galardóns literarios que convoca a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e que tamén recoñeceu Somos os monstros, de Paula Carballeira, co X Manuel María de literatura dramática infantil. Canto ao XIII Barriga Verde de textos para monicreques, foi declarado deserto tanto na modalidade de público adulto como na de infantil.
Estes recoñecementos da Xunta, que serán entregados o domingo 2 de decembro en Pontevedra no marco da feira Culturgal, comparten o obxectivo de estimular a creación literaria para teatro en Galicia, ao tempo que impulsan a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación de 6.000 euros para cada premio e categoría, as bases contemplan a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Agadic mantén xunto con varias editoriais galegas.
Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Laura Tato e del tamén formaron parte, como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. O seu ditame foi emitido tras valorar os 75 textos presentados á convocatoria de 2018, dos que 39 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 13 ao Manuel María e 23 ao Barriga Verde (14 na modalidade infantil e 9 na de adultos).
Obra lúdica e crítica
A súa decisión de lle conceder o Cunqueiro a AveLina Pérez foi adoptada por maioría, salientando na acta o carácter lúdico e crítico de Ás oito da tarde, cando morren as nais, que “explota as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción”. Segundo a propia autora, o texto “achega un canto coral sustentado no absoluto baleiro”, de xeito que o teatro cede o seu escenario ao “espectáculo da estupidez”.
Este funcionamento coral e musical dos personaxes foi destacado igualmente polo xurado, que subliña tamén a soltura rítmica, a fluidez dos diálogos e a coherencia dramatúrxica do texto, “que consegue trasladar o foco da escena cara ás butacas cunha temática autocrítica e metateatral, e un estilo de gran forza expresiva cheo de humor e de crítica sociolóxica”.
Con Ás oito da tarde, cando morren as nais, AveLina Pérez súmase á destacada listaxe de autores galardoados desde 1988 co Álvaro Cunqueiro, ao tempo que incorpora este á súa listaxe de recoñecementos como autora teatral. Entre eles, por exemplo, o Abrente de textos teatrais 2018 por O día no que bicar a terra e varios premios de dramaturxia breve e radio teatro. (…)
Terceiro Manuel María para Paula Carballeira
Pola súa banda, a obra Somos os monstros válelle a Paula Carballeira o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo.
Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir o seu texto como gañador, incidindo na súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o mundo dos monstros que, na súas palabras, “ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”. (…)”