Lorena Souto gaña a XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé con Fase de trema

O xurado da XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, formado por Rosa Aneiros, Andrea Nunes e Marica Campo, decidiu por unanimidade escoller a obra titulada Fase de trema. Aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Lorena Souto (O Páramo, 1983), licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago e membro do consello de redacción da revista Dorna. Vía blogue do Premio Pérez Parallé.

Lorena Souto: “O poemario trata de superar os estereotipos patriarcais”

Entrevista a Lorena Souto, recente gañadora do XXIV Premio Pérez Parallé en Diario de Ferrol:
“- Diario de Ferrol (DF): Cal é a súa sensación despois de gañar o Pérez Parallé?
– Lorena Souto (LS): Foi unha ilusión tremenda, porque é a primeira vez que me dan un premio sen contar as redaccións escolares. Enviara o texto e xa non o tiña moi en mente, nin me lembraba que a pasada fin de semana decidíase. É unha gran satisfacción.
– DF: Por que se presentou ao certame de Fene?
– LS: Para poetas que non temos publicado nada é un concurso que ten moito prestixio. Estase convertendo nunha plataforma da que están a saír xente como Xiana Arias ou Mario Regueira e outros que van facendo camiño. A posibilidade de publicar nun selo do enorme prestixio de Espiral Maior tamén axuda moito.
– DF: Qué é o seu poemario premiado, Fase de trema?
– LS: É unha evolución da percepción da realidade contra os estereotipos do patriarcado desde unha perspectiva feminina no que o eu acaba abrazando un ton máis colectivo e múltiple.
– DF: É un poemario feminista?
– LS: Coido que non é tanto iso como unha voz contra os estereotipos de xénero do patriarcado. Os homes tamén poden sentirse identificados. É un berro de alerta contra os individuos sometidos.
– DF: Pero coincidirá en que a voz feminina dentro da poesía cada vez se escoita máis.
– LS: Si, pero tamén o fan as arquitectas en arquitectura ou outras profesionais. Cada vez máis mulleres escriben e resulta normal que acaben publicando e gañando premios. En xeral estamos a ver novas voces, máis distintas e plurais.
– DF: Unha renovación da lírica, pois?
– LS: Pero por parte dos dous sexos, non só das mulleres. Hai novas voces e unha apertura á pluralidade en temáticas e estilos.
– DF: Que fixo ata chegar aquí?
– LS: Son licenciada en Filoloxía Galega e fixen estudos de doutoramento de teoría da literatura e literatura comparada. Estiven investigando temas de léxico cunha bolsa da universidade e formo parte do consello de redacción da revista Dorna.”

Salvaterra: actos literarios do XXV Festival de Poesia do Condado, o 2 e 3 de setembro

A XXV edición do Festival de Poesia do Condado, organizado pola S. C. D. Condado, baixo o lema Sem as mulheres nom há revoluçom, na sexta-feira 2 e o sábado 3 de setembro, conta coas seguintes actividades literarias dentro do seu programa:

Sexta-feira 2:
22:30 h. Noite nas minas, nas Covas de Dona Urraca. Recital de María do Cebreiro, concerto de De outra margem, e, ao remate, comida, repichoca e festa. Ten aforo limitado e unha entrada de 10 euros (reservas no correo info@scdcondado.org, ou no teléfono 986-658036).

Sábado 3:
12:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do libro colectivo de poesía Mulheres entre poesia e luita, publicado pola Assembleia de Mulheres do Condado, coa presenza de Ilduara Medranho, Andrea Nunes e Belém Grandal.
18:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do último libro de poemas de Claudio Pato, publicado en Estaleiro Editora.
Ao longo do día, no mesmo emprazamento, as Covas de Dona Urraca, terán lugar as proxeccións de vídeo-poemas, con obras de María Lado, Ledicia Costas, Lucía Aldao e o Colectivo Rec-deiras.
21:00 h. Festival poético-musical, na Zona das Murallas, presentado por Os da Ría. As e os poetas participantes son: Andrea Nunes Brións, Catarina Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Séchu Sende e Xosé María Álvarez Cáccamo. Os grupos musicais serán Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, Cuchufellos e Maria Alice (Cabo Verde).

Semana das Letras Galegas en Faro

Programa da Semana das Letras Galegas organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve, en Faro:

4ª feira, 27 de Maio. Faculdade das Ciências Humanas e Sociais (FCHS), sala 2.35, às 14:30h: Grupos minorizados e literatura galega: Estratexias de resistencia e a incorporación das escritoras. Conferencias a cargo de Mario Regueira e Lorena Souto.

5ª feira, 28 de Maio. Sala 2.35 da FCHS, 14:30h: Apresentación da revista Dorna. Expresión Poética Galega.

6ª feira, 29 de Maio. Associação dos Músicos, Faro. 21:30h: Concerto de Migna Mala (Algarve), Nanook e os vagabundos (Algarve) e Leo i Arremecaghona!!! (Galiza)

Sábado, 30 de Maio. Pátio de Letras. 21:30h: Presentación de Estaleiro Editora e concerto de músicas de protesto (O Leio e José Mário Branco)