Arquivos da etiqueta: Lucho Penabade
Compostela: Procesión da Santa Bolaña 2018, o 22 de decembro
“Este sábado 22 de decembro, á partir das 17:00 h. da tarde, regresa a Procesión da Santa Bolaña, en celebración dramática do solsticio de inverno, con vía crucis teatral polo casco vello de Santiago.
A procesión da Santa Bolaña, partirá, como é tradición, do local da Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios. Acompañada por unha tropa de músic@s, acróbatas, gallofeir@s e fieis devot@s a entoar cantigas e ladaíñas en honra da santa, a procesión percorrerá logo as rúas do casco vello compostelán, facendo parada dramática en catro locais senlleiros da cultura local: o Centro Socio-Cultural “Gentalha do Pichel”, a Casa do Matadoiro, o Cantón de San Bieito, e a Nave Sete da Praza de Abastos.
Provista dun bocoi de viño, da vella e romana casta do Ribeiro, de xeito a saciar a sede e estimular o canto de devotas e devotos, a procesión honrará todas as tabernas e antros de malvivir que lle saian ao paso. E aquecidos no místico transo, celebrará en éxtase a rifa da Santa, na que se ofrecen gorentosas viandas culturais ao afortunado ou afortunada devota a quen lle caiba tal sorte, legadas xenerosamente por entidades culturais da cidade como as librarías Pedreira, Chan da Pólvora, Os mundos de Carlota, Lila de Lilith, o laureado escritor Carlos Meixide, Edicións Positivas, Numax, Teatro Principal, Triskel e Queroté.
Nas catro paradas deste vía crucis dramático serán oficiados os catro Misterios Teatrais previstos para esta edición, coa participación do público presente orientado polos confrades maiores deste ano: Zé Paredes, Mónica Caamaño, Lucho Penabade e Esther F. Carrodeguas, rematando o paso no vestíbulo do Teatro Principal, coa lectura colectiva, a xeito de coro grego, do manifesto poético-dramático da procesión.
A xeito de doazóns á Santa, recolleranse no libreto sacro da procesión editado por Edicións Positivas, diversos textos ofrecidos por dramaturgas e dramaturgos galegos como Esther F. Carrodeguas, Ana Carreira, Roi Vidal Ponte, Mónica Caamaño e o Grupo Oportunista de Drama G.O.D. “Flavia Antonia”, polo prezo de 5 euros.”