Instituto Camões e Consello da Cultura Galega asinaron o primeiro protocolo-marco para realizar actividades conxuntas e intercambios culturais

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Camões asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares). Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camões e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Consello da Cultura Galega e Instituto Camões consideran que “para se promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”. Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo, especialmente o intercambio de publicacións, a organización de conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa institución”. Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto Camões falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.
Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No curso do encontro a Presidenta do Instituto Camões falou sobre Presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega na rede de centros do Instituto Camões. Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da Universidade de Vigo, co relatorio Situación actual do ensino da lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia. No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venâncio (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ângelo Cristovão Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua Portuguesa), Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no horizonte da diversidade.
Vía Consello da Cultura Galega.

Luís González Tosar: “Son un poeta maldito”

Entrevista en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Os escritores galegos actuais non coidan a palabra?
Luís González Tosar: Hai moitísima xente que traballa coas palabras, que vive delas, e que as descoida. É como se un artesán traballase cunha ferramenta enferruxada. Calquera artesán sabe que unha ferramenta é sagrada. Pero, por desgraza, hoxe en Galicia hai escritores que non coidan a palabra, que son chafalleiros. Hai tantos modelos de escritores como escritores. O escritor pode ser o que queira, progresista, reaccionario, crente, ateo, vaidoso, mala persoa… Todo iso está moi ben, pero o que non se lle pode consentir a un escritor é que sexa chafalleiro. Esta festa é tamén unha reflexión para que as palabras volvan brillar como sempre brillaron.”

Pódese ver a entrevista completa aquí.

Compostela: presentación de Estúrdiga materia

Lu�s González TosarNo salón de actos do Consello da Cultura Galega, ´as 19:00 do 11 de setembro, terá lugar a presentación do poemario de Luís González Tosar Estúrdiga materia (Galaxia). Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena Villar Janeiro, Román Raña, Victor Campio, Gonzalo Navaza e Miro Villar lerán os versos do poemario. Presentará o acto Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.

Marcos Calveiro, Agustín Fernández Paz e Luís González Tosar na Feira do libro da Coruña

Na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez), ás 20 horas Edicións Xerais de Galicia presenta Festina Lente, de Marcos Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.
Ás 20:30 horas o escritor Agustín Fernández Paz asina na Coruña exemplares do seu último libro, O único que queda é o amor (Edicións Xerais de Galicia).
Ás 21 horas Luís González Tosar presenta o seu poemario Estúrdiga materia (Editorial Galaxia) acompañado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Luciano Rodríguez e Víctor Freixanes.

Vigo: preséntase Estúrdiga materia, de Luis González Tosar

O mércores 16 de xullo, ás 20:00, terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo (R/ Policarpo Sanz, 24-26) a presentación do libro Estúrdiga materia, de Luis González Tosar. Participarán no acto Guillermo Brea (director da Obra Social), Víctor F. Freixanes (editor) Xosé Luis Méndez Ferrín (escritor e autor do limiar), Manuel Quintana Martelo (pintor e autor das ilustracións), así como o autor do poemario.

Luís González Tosar e Marcos Valcárcel participarán nunha homenaxe a Blanco-Amor en Ourense

En Ourense terá lugar o día 4 de decembro a IV Xornada de homenaxe a Eduardo Blanco-Amor. Ás 12:00 horas Luís González Tosar intervirá no acto de lembranza do autor no Cemiterio de San Francisco. Ás 17:00 horas o historiador literario Marcos Valcárcel tamén intervirá, na súa vez, diante da estatua do escritor nos Xardíns da Alameda. (P.E.N. Clube de Galicia)

Día mundial da poesía / World Poetry Day 2007

O P.E.N. Clube de Galicia e o Consello da Cultura de Galicia organizan un recital poético que contará coa presenza de Helga Moreira, Carlos Marzal, Eva Rumí, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luis G. Tosar e Manuel Rivas. Terá lugar hoxe 21 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela).