Arquivos da etiqueta: Luz Beloso
Lalín: presentación de O poder máxico do sorriso, de Thalía Troitiño González
Silleda: presentación de O poder máxico do sorriso, de Thalía Troitiño González
Vídeo da presentación en Vigo de Instrucións para ler este libro, de Miguel A. Alonso Diz
Vídeo da presentación en Vigo de Intrucións para ler este libro, de Miguel A. Alonso Diz
Vigo: presentación de Instrucións para ler este libro, de Miguel A. Alonso Diz
Mondariz: presentación de Non te amola!, de Xela Arias, ilustrado por Luz Beloso
Moaña: presentación de Non te amola!, de Xela Arias
“O mundo da Xela Arias nena, a ollos de Luz Beloso”
Desde Nós Diario:
“A novela, co título Non te amola!, é unha “biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días e que descobre unha ollada descoñecida da autora e unha narrativa impoñente”, sinalan desde a editorial.
Este libro de Xela Arias está ilustrado por Luz Beloso (Monforte de Lemos, 1968), que co seu traballo “axuda a entender como foi a infancia da autora e os marabillosos acontecementos que, desde a súa ollada infantil, sucederon e como ela os conta”, engaden.
Beloso é licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Salamanca. Exerceu de profesora de Educación Plástica e Audiovisual na Galiza desde 1993 no IES As Barxas de Moaña e, desde 2019, como profesora de Artes no IES María Soliña de Cangas. (…)
A nova de facer a ilustración do libro inédito de Xela Arias chega á ilustradora Luz Beloso “da man de Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, cunha chamada repleta de ilusión e que para min foi un auténtico agasallo”, relata a ilustradora en conversa con Nós Diario.
Non te amola! é unha obra narrativa que a escritora viguesa realiza con 30 anos, baseada en relatos inspirados na súa infancia e que conta desde a perspectiva dunha nena de nove anos. Esta lembra a súa infancia en Sarria e o seu traslado a Lugo cuns relatos dirixidos a un público infantil, “mais dos que tamén fan gozar os maiores de calquera idade”.
Á hora de realizar a investigación para o traballo, a inspiración da ilustradora “foi particularmente emocionante, xa que a miña infancia tamén transcorreu en Sarria e desde o punto de vista visual hai detalles dalgúns lugares como o da capa, cuxo fondo é “Chanto”, un espazo de lecer que todo cativo e cativa do lugar coñece; ou as gardas, que son os arredores da escola da Granxa de Barreiros, en Ortoá”.
Alén disto, como traballo de documentación sobre a poeta, Luz Beloso encontrou moita información gráfica na rede. “Fun atopando desde fotos familiares de Xela Arias na granxa cos seus pais e mesmo espazos que a propia escritora habitou na infancia do libro”, indica a ilustradora.
Con esta información e “desde o meu propio estilo e coherencia co meu traballo”, Beloso ilustra de modo “colorista, agarimoso e divertido” o libro Non te amola!” .
As súas técnicas para esta publicación levan a que “o trazo do lapis de cor sexa o protagonista, intentando que non se perda o xesto nin a frescura no traballo”.
Para a escolla destas técnicas, Beloso baseouse nos “referentes que me marcaron ao longo da miña vida, tanto en pintura como en ilustración”. As ilustracións de Rébecca Dautremer, Ana Juan ou a pintura de Odilon Redon son exemplos “dun sen fin de artistas contemporáneas que grazas ás redes podemos gozar da súa obra”.
“O marabilloso de ilustrar é que nunca deixas de aprender, cada novo libro é un novo reto”, apunta a ilustradora.
Para Beloso o libro Non te amola! “é unha obra persoal e divertida, chea de aventuras, entrelazada por varios relatos dunha infancia próxima e familiar que mostran unha Xela Arias nena, onde a escritura e os libros teñen un papel protagonista na súa vida. Unha escritora feminista que apunta xa intencións e que está decidida a escribir un libro fresco, divertido e emocionante”, valora.
A ilustradora considera que a escritora de Tigres coma cabalos é “un referente no mundo editorial e da poesía, unha voz única, valente, comprometida, conmovedora, renovadora, feminista e transformadora neste mundo que tanto precisa da súa voz e da súa poesía”.
Por iso, Luz Beloso anima o público para “afondar no traballo de Xela Arias”.”