Miguel Ángel Alonso Diz: “Na miña escrita doulle voz aos nosos personaxes e a aquelas persoas que fixeron camiño antes ca nós”

Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Por que escribes para os máis pequenos e pequenas? Creo que é unha tarefa moi complexa pois a cativada é dos públicos máis esixentes.
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): Eu creo na literatura como ferramenta transformadora da realidade e despois de dar varias voltas a Galicia facendo recitais de poesía, comprobei que as persoas ás que chegaba eran as mesmas; isto unido a miña amizade con María do Carme Kruckenberg, que me animou a escribir para a miña filla Esther, provocou que descubrise o que hoxe é para min tan natural coma respirar. Escribindo para a rapazada podo chegar a grandes e pequenos. E si, é un público moi esixente. Tamén eu son esixente co noso traballo.
– AM: Vés de publicar Instrucións para ler este libro (Xerais, 2022) e O país da choiva (Antela, 2021), nos que vemos moitas das preocupacións das túas obras, como poden ser a lingua ou a literatura. Que máis imos atopar nestes dous títulos?
– MAAD: Memoria, respecto, sensibilidade, amor, palabra, compromiso, honestidade, magnificas ilustracións, edicións que fanlle honra a nosa lingua, escritores e escritoras galegas camiñando polas súas páxinas, membros da Santa Compaña, biosbardos, trasnos, misterio e un Demo. Todo isto e algo máis…
– AM: O país da choiva é unha declaración de amor á lingua, porque ti dis que a túa historia co galego é de amor. Explícanos isto.
– MAAD: Non pode ser doutro xeito. A palabra primeira. A do berce. A que camiña da man dos primeiros aloumiños. A lingua propia, a dos afectos. Cando naceu a nosa primeira filla, tiñamos claro que a lingua da familia sería a mesma dos nosos pais, nais, avós, avoas… Ese fío común que nos constrúe, identifica e agarima. A palabra: a nosa visión do mundo.
– AM: “Tamén pensaba que a súa lingua tiña unha relación moi especial coa música”. Así o sente un dos personaxes de O país da choiva, e creo que ten moito de ti, verdade?
– MAAD: Si, eu tiven o meu espertar poético nunha viaxe a Celanova no ano 1989, no que se dedicou o día das letras galegas a Celso Emilio. Foi un espertar á musicalidade do galego, ademais teño que engadir que son amante da música. Un mundo sen ela sería terrible. Como ben sabes, en Música no faiado aparecen personaxes como Robert Johnson, Bessie Smith ou John Lennon. Neste libro tamén hai un pequeno espazo para a música. A camiseta de Fonso é dos Beatles, e isto foi unha petición que lle fixen a Xosé Tomás; ao que lle estou moi agradecido.
– AM: Fran Alonso fala no limiar de O país da choiva da “memoria” e do perigo que supón que o galego se perda. Como ves ti o presente e o futuro da lingua? A literatura pode axudar a colleitar falantes?
– MAAD: Fran Alonso, ademais de escritor, poeta e amigo, é persoa coñecedora da situación da lingua. O seu limiar sitúa ao lector no punto xusto para acometer este libro. Podo dicir, con ledicia, que o libro está funcionando coma un río subterráneo; é unha obra que está deixando pegada na alma do lectorado. Atesouro varias conversas con lectores e lectoras ao respecto do mesmo. É fermoso comprobar como a obra conseguiu levar á reflexión sobre as razóns que existiron para que non lles falaran galego na casa, rompendo o elo de transmisión interxeracional, e as razóns que os levaron a eles mesmos a non falarlles en galego aos seus fillos e fillas. Porque estou a falar de conversas con homes e mulleres, dende os trinta ata os cincuenta; non de conversas coa rapazada. Como xa dixen ao principio, a través dos fillos e fillas, chegar aos pais e as nais.
Acadar isto é moi difícil cando do que se fala é de algo tan íntimo como a lingua. Estou contento de ter aportado este libro á nosa literatura, xa que sempre falo de facer libros necesarios, e O país da choiva é un libro necesario. Por iso agradezo a Antela Editorial o seu apoio e o seu magnifico labor de edición.
Respondendo á outra parte da pregunta, o presente é complexo e o futuro moi incerto. Hai moitas variables que van en contra da lingua: públicas e privadas. Afirmarei que o lectorado en galego é cada vez menor, e esta é a tendencia. Ademais que necesidade teño de ler en galego, se a obra en galego e en castelán saen ao tempo. Entendo as decisións tomadas con criterios persoais, económicos e son moi respectables, mais non cabe dúbida de que son un factor máis. Que máis dicir? Podería axudar a colleitar falantes? Si. Está a facer iso?… (…)”

Vigo: actividades do 4 de xullo da Feira do Libro 2022

Ourense: actividades do 11 de xuño da Feira do Libro 2022