Arquivos da etiqueta: Malasombra
As coproducións do CDG, o cine a as propostas para público infantil protagonizan a oferta do Salón Teatro ata fin de ano
Desde Agadic:
“Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, espectáculo da compañía de circo Pistacatro coproducido co Centro Dramático Galego (CDG), ofrecerá hoxe e mañá, ás 20,30 h., as súas dúas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago. A montaxe dirixida por Quico Cadaval a partir da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín é a primeira das inseridas na carteleira trimestral da sede do CDG.
Aquí poderán verse ata final de ano outras dúas coproducións da compañía pública, as proxeccións do festival Cineuropa e o ciclo Gran teatro para os máis pequenos, entre unha ducia de propostas. Así, este mesmo domingo 21, ás 18,30 h., o Salón Teatro será o escenario da función de clausura da vixésimo terceira edición do Festival Internacional Galicreques coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El oso que no lo era, un espectáculo de monicreques de mesa recomendado para nenas e nenos a partir dos cinco anos de idade.
De novo no ámbito das coproducións, do 25 ao 28 de outubro regresará a este espazo compostelán Elisa e Marcela, que a Panadaría xa representou aquí hai un ano tras desenvolver unha residencia artística de 20 días. O espectáculo, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España, volve a Santiago precedida do éxito de público da súa ampla xira e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.
Estrea galega
O programa de coproducións do CDG conta cunha terceira montaxe nesta carteleira trimestral, no marco da que a compañía de Pablo Fidalgo ofrecerá a estrea galega de Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro) o venres 2 de novembro. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio no contexto de calquera grupo de amigos ou familiares, que poderá verse ata o 4 de novembro neste escenario, onde se presenta tras a súa estrea o 23 de outubro no festival Bilbao Antzerki Dantza (BAD).
Anarquismos dará paso á trixésimo segunda edición de Cineuropa, que un ano máis converterá o Salón Teatro nunha sala de cinema como unha das sedes deste festival internacional. Será case un mes de proxeccións, tras as que o circo regresará á carteleira para pechar novembro o día 30 coa montaxe Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará co espectáculo de danza Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2 para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; e Soños, do grupo de teatro afeccionado da Asociación Down Lugo, o día 19.
Como en anos anteriores, a programación de 2018 na sede do Centro Dramático Galego chegará ao seu fin co ciclo de Nadal Gran teatro para os máis pequenos, que desta volta presenta as montaxes Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro, ademais dunha serie de obradoiros para que os nenos e nenas teñan a oportunidade de coñecer de preto os diferentes oficios teatrais.
Na imaxe, Anarquismos. Fotografía: Alipio Padilha.”
A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía a Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra
Desde Agadic:
“As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2 emoción&arte, Señora Supina, Redrum e Malasombra levarán os seus últimos espectáculos nos vindeiros meses ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa a Xunta de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 39 concellos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 601 citas escénicas neste 2018.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira acompañados por algúns dos seus protagonistas: Josito Porto e Víctor L. Mosqueira (actores de Excéntricas) e a xornalista Montse Fajardo, autora do libro no que se inspira a peza Invisibles.
A programación comezará o 29 de setembro coa peza de Valle-Inclán A cabeza do dragón a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. Eme2 estará o 13 de outubro coa súa visión da dificultade das relacións familiares que presenta A leituga, o colectivo de recente formación Señora Supina, froito do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia porá en escena Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, e Redrum Producións representará Invisibles, título que aborda a lacra da violencia de xénero en clave feminina o 24 de novembro. Pola súa banda, o 15 de decembro visitará Vilagarcía a proposta de teatro familiar Os fabulosos Cleaners, da man de Malasombra Producións.
Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que o Auditorio Municipal de Vilagarcía é un activo e continuado membro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ata finais de ano, pisarán este escenario cinco compañías do país con cadanseu espectáculo, compoñendo unha carteleira moi equilibrada en canto a xéneros e estilos, así como de elevado nivel artístico. Isto significa, ademais, que o público arousán terá acceso, de xeito próximo ao seu domicilio e coas mellores condicións de exhibición técnica, a unha selección das mellores producións escénicas que hoxe en día se están a facer en Galicia”, dixo.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal circuíto de distribución profesional de espectáculos galegos. Iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas) en máis de 40 recintos escénicos de 39 concellos. Deste xeito, a Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Agadic e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.”