A Coruña: recital de Lara Dopazo e Manal Al-Sheikh no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 7 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Lara Dopazo e a poeta iraquí Manal Al-Sheikh (as traducións ao galego dos seus poemas son obra de Gonzalo Hermo). Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos outubro 2019.

Con barqueira e remador. VIII Obradoiro Internacional de Tradución Poética

Con barqueira e remador. VIII Obradoiro Internacional de Tradución Poética. A AELG colabora xunto ao Concello de Pontevedra no acto do mércores, 2 de outubro, ás 20:0, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9).
Nesta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Políticas Culturais e fundada e dirixida pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, reúnese un grupo de seis poetas/tradutores para desenvolver un traballo de tradución colectiva, presencial e recíproca de xeito que cada quen verterá aos seus cinco compañeiros para a súa propia lingua.
Tras edicións apoiadas nos idiomas portugués e castelán como linguas vehiculares para todo o proxecto, este obradoiro multilingüe volve agora ao inglés que fora lingua franca nas cinco primeiras entregas. En ‘versións ponte’ inglesas se apoiarán os textos cos que se traballe nesta experiencia coordinada pola tamén poeta e tradutora compostelano-coruñesa, e nela comunicaranse durante toda a semana os e as seis participantes, operando sobre o terreo de todo un berce fundacional da lírica galego-portuguesa como é a illa que cantara o trobador Meendinho.
Poetas chegados do Iraq de Portugal, do Nepal, de Malta, de Letonia e de Galicia traballan xuntos para traducírense uns a outros, nunha iniciativa de intercambio cultural na que, ademais do mencionado departamento da Xunta, colaboran tamén o Centro Camões de Vigo, o Concello de Pontevedra ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entre outras entidades.
Os esixentes perfís de constituíren poetas representativos de cadanseu sistema literario, contaren con algunha experiencia no ámbito da tradución poética e manexaren o portugués como segunda lingua, persónanse este ano en Manal Al-Sheikh, Rui Cóias, Itisha Giri, Adrian Grima, Arvis Viguls e, sempre cun peso específico como anfitrión cultural, lingüístico e literario da experiencia, o representante galego, que este ano non é outro que Gonzalo Hermo, figura xa imprescindible da nova poesía na nosa lingua.
Estas completas personalidades literarias complementarán o seu traballo no obradoiro con dous recitais poéticos que os levará a compartir co público pontevedrés e vigués os seus textos:
– O mércores día 2 ás 20:00 na Casa das Campás, en colaboración coa Concellaría de Cultura de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– O xoves día 3 ás 19:00 na Galería Sargadelos de Vigo, en colaboración co Centro Camões de Vigo e mais o Festival Kerouac de Poesía e Performance.
Serán, pois, dúas lecturas multilingües abertas a todo o público interesado, que amosarán as distintas poéticas así como o labor de tradución para o galego. Estes son actos gratuítos
Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero como a poesía en linguas dende masivas a minorizadas. No caso galego, os froitos do obradoiro verán a luz -de aquí a un ano- recollidos nun novo volume publicado pola Deputación de Pontevedra na súa colección illas Cíes, incluíndo as versións, prólogo, textos e edición literaria que queden a cargo do protagonista galego desta edición, o rianxeiro e recente gañador do Premio Repsol de Narrativa Breve coa súa primeira novela.
Así pois, até o sábado 5, autores do máximo prestixio en linguas maiores (árabe, nepalí, portugués) e menores (letón, maltés) ca o galego, chegados de recantos que van dende o Extremo Oriente até o Mediterráneo pasando polo Báltico ou a antiga Mesopotamia, convivirán ao mesmo nivel nunha illa que favorece o illamento e a inspiración, enriquecendo o patrimonio de poéticas contemporáneas dos máis remotos recantos para a nosa lingua.
Un dos máis recoñecidos e galardoados nomes da literatura maltesa contemporánea, Adrian Grima (Malta, 1968) é autor de libros de relatos e poemas en maltés para público mozo e adulto, e ten presentado o seu traballo por todo o mundo. O seu poemario Klin u Kapriċċi Oħra (KKM 2015), foi traducido ao inglés por Albert Gatt como Last-Ditch Ecstasy [A última gabia Éxtase] e editado en Malta e Mumbai (Paperwall Media & Publishing, 2017). Libros da súa autoría viron tamén a luz en árabe, francés, alemán e italiano. O seu título máis recente é Skizzi għas-Sette Giugno [Sete de xuño], unha serie de poemas con música de jazz a cargo de Dominic Galea. Adrian Grima co-fundou a entidade Inizjamed en 1998 e foi o director artístico do Festival Mediterráneo de Literatura de Malta do 2007 ao 2018. Traballa como profesor asociado de Literatura Maltesa na Universidade de Malta e como lector visitante en INALCO, París. De longa estirpe maltesa e fonda paixón pola súa rexión xeográfica, Grima ten traballado amplamente arredor das representacións literarias do Mediterráneo. A súa páxina web é adriangrima.com.
A escritora e poeta iraquí Manal Al-Sheikh naceu na cidade de Nínive en 1971. Ten un Grao en Tradución -do inglés ao árabe- pola Facultade de Artes da Universidade de Mosul. Ten traballado na prensa local e árabe como xornalista freelance, e publicado artigos e textos de natureza creativa e literaria nunha chea de revistas e xornais iraquís, árabes e europeos, ademais de participar en multitude de festivais internacionais de literatura por Europa, Estados Unidos, Norte de África e Latinoamérica. Os seus poemas e ensaios foron traducidos a varias linguas que inclúen o inglés, o francés, o noruegués, o sueco, o romanés, o macedonio, o italiano, o catalán e o castelán. Ademais dos libros de narrativa As portas da noite de Antioquía (Damasco 2010) e Alteración das tumbas (Nínive Unión de Autores Iraquís, 1996), as súas obras de poesía son Gralla – Arquivo amoroso (Athar, KSA 2015), Antes de que morra o mar. Poemas escollidos (Bagdad 2013), Cun punto vermello baixo o ollo esquerdo (Beirut 2010) e Cartas imposibles (Amman 2010).
O letón Arvis Viguls (1987) é poeta e tradutor dende linguas coma o inglés, ruso, español e linguas eslavas do sur. Ten vertido para o seu idioma nomes do talle de Joseph Brodsky, Walt Whitman, W. B. Yeats ou Federico Gcía. Lorca. Como poeta deu ao prelo tres libros de poesía en letón aclamados pola crítica: O cuarto (2009), 5:00 (2012) e Libro (2018), os mesmos que resultaron recoñecidos con importantes galardóns coma o Premio de Literatura Letoa ao mellor debut do ano, o da Fundación Anna Dagda ou o que concede ao mellor libro do ano “Días de Poesía”, o meirande festival de poesía do país. A súa colección de poemas escollidos Caligrafía da agulla viu a luz en tradución ao castelán (2017), en croata (2018) e mais en alemán (2019) á espera de que a versión inglesa saia do prelo este mesmo ano. Ademais, poemas seus viron a luz en antoloxías e revistas literarias vertidos a máis de quince idiomas. Desempeñouse coma presentador dun programa de radio dedicado á literatura. Vivindo en Riga e traballando, escribindo e traducindo arreo dende esa capital letoa, Arvis Viguls estase a converter nunha das referencias da nova poesía en Europa.
Itisha Giri é una poeta e editora nepalí cuxa poesía pon o foco no compromiso social, mais tamén na súa loita persoal para dar sentido ás propias identidades. Poemas seus viron a luz en publicacións e revistas literarias de ámbito internacional como LaLit (Katmandú), -próximamente- The Aerogram (San Francisco. EE.UU.), Of Nepalese Clay (Katmandú) ou The House of Snow, unha antoloxía británica que compilaba algúns dos mellores textos sobre Nepal. Traduciu mulleres poetas nepalís como Nibha Shah e traballa nun proxecto de investigación que procura identificar, traducir e recuperar tradicións poéticas de autoría feminina no Nepal. Itisha Giri é a responsable de These Fine Lines, unha antoloxía de poemas escritos por mulleres que exploran as súas experiencias dentro do espectro do abandono e a represión. Do mesmo xeito, traballa como Editora Adxunta de poesía para a revista literaria LaLit (Katmandú). Ademais, é co-fundadora e produtora de Boju Bajai, un podcast feminista mensual que foi emitido recentemente pola BBC.
Nacido en 1987 en Rianxo, Gonzalo Hermo é una das grandes voces da nova poesía galega. Doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesor asociado do Departamento de Estudos Románicos da Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente vive na cidade condal e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres. Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011); Celebración (Apiario, 2014) -traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017)- e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018) que levou o Premio Afundación e vén de ser autotraducido para o catalán (Godall, 2019). A súa obra foi así mesmo recoñecida co premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia, o Premio da Asociación Española de Críticos Literarios e -por vez primeira para un poemario orixinalmente escrito en galego- o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández». Exerceu puntualmente a crítica literaria para diversos medios e traduciu poesía contemporánea galega ao castelán e ao catalán. Ademais, Hermo é membro fundador da editora e libraría Chan da Pólvora.