Pontevedra: Ponte-Poética, I Festival de Poesía das Linguas do Estado

O venres 12 e sábado 13 de novembro, celébrase o I Festival de Poesía das Linguas do Estado en Pontevedra, Ponte-Poética, organizado polo Ateneo, que quere ofrecer, nun encontro anual, a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán e éuscaro a todos os amantes do xénero que queiran achegarse a escoitalo na voz dos seus propios autores, nun completo programa de recitais, en distintos espazos da cidade, abertos e gratuítos a todo o público interesado. A dirección do Festival corre a cargo de Yolanda Castaño, a coordinación Xaime Toxo, Antón Sobral e Carlos Fontes, baixo o patrocinio da Concellería de Cultura de Pontevedra, a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova.

O programa é o seguinte:
Venres 12 de novembro:
– 18:30 h. Salón Nobre da Deputacion de Pontevedra. Sesión inaugural: David Castillo, Román Raña e Ada Salas.
– 20:00 h. Salón Nobre da Deputación de Pontevedra: Miren Agur Meabe, Josep Pedrals e Manuel Forcadela.

Sábado 13 de novembro:
12:30 h. Teatro Principal de Pontevedra: Leire Bilbao, Elena Medel, María Lado e Lucía Aldao.
18:00 h. Teatro Principal de Pontevedra. Recital final con todos os poetas participantes e clausura do Festival Ponte-Poética.

Neste arquivo pódese descargar máis información: Ponte-Poética 2010.

Vigo: V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade: Novas artes literarias? O vídeo poema, con Lara Bacelo e María Lado

O V Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Facultade de Tradución de Vigo, continúa o xoves 4 de novembro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Lara Bacelo e María Lado na mesa redonda Novas artes literarias? O vídeo poema, onde se realizarán proxeccións comentadas de vídeopoemas realizados polas autoras para tratar as posibilidades expresivas fornecidas polas novas tecnoloxías e o seu rendemento práctico en relación coa difusión da poesía. A presentación do acto corre a cargo de Manuel Forcadela.

Riotorto: recital de poetas da xeración dos 80 na Festa da Cultura

Este sábado 25 de setembro, a partir das 22:00 h., dentro da Festa da Cultura que se celebra en Riotorto, desenvolverase un recital poético de autores da chamada Xeración dos 80, no que intervirán Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xulio Varcárcel, Xavier Seoane, Luísa Castro e Cesáreo Sánchez.
Ese mesmo día celebrarase a Feira do libro e do disco galego, no marco da cal se realizarán as seguintes presentacións:
17:00 h. Xosé Chao Rego, por Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00 h. Rosalía, o clamor da rebeldía, por Pilar García Negro.
19:00 h. Noente paradise, con Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.

O programa completo da Festa da Cultura, desde o venres 24 até o domingo 26, pódese consultar aquí.