Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cal será a súa contribución como académico correspondente?
– Ramón Nicolás (RN): Entendo que a propia entidade suxerirá camiños de investigación ou pescuda polos que poida transitar. Polo de agora, con franqueza, só tiven ocasión de agradecer o nomeamento, tanto ás persoas que a día de hoxe integran a Academia como a outras moitas que me manifestaron por moitas vías a súa satisfacción por esta decisión e, por extensión, o seu afecto. Algo que particularmente valoro moito no ronsel dese «pouso dos afectos» do que falaba Xela Arias.
– LVG: Cre que o seu labor crítico influíu na decisión da Academia?
– RN: Sospeito que si: talvez o meu traballo no ámbito da crítica literaria, desenvolto con maior ou peor fortuna desde esa data, pesou no nomeamento e tentarei que este perfil teña, na medida das miñas posibilidades, un defensor activo na institución. Sempre defendín a necesidade de promocionar a crítica literaria en todos os ámbitos posibles e fíxeno, fágoo hoxe, a custa doutras opcións creativas persoais. Segue a ser preciso, moi preciso, visibilizar a nosa creación literaria: un territorio que cómpre seguir agarimando e construíndo con xenerosidade.
– LVG: A súa sinatura está presente en La Voz dende hai anos, un periódico xeneralista que chega a todo tipo de público: como enfoca entón as súas críticas?
– RN: Para min gozar desta atalaia desde hai moitos anos supón un privilexio. Cultivar o exercicio da crítica sen ningún tipo de presión, alén doutro tipo de colaboracións que atenden ao fenómeno da nosa literatura, e facelo desde un xornal que chega ás mans de milleiros de persoas non deixa de ser, sempre, unha responsabilidade. O enfoque tenta ser precisamente xeneralista, isto é, ofrecer de maneira concisa as ideas clave que dominan un libro ou nunha publicación e suxerir, sendo consciente de que a miña sempre é unha opinión subxectiva, a súa lectura.
– LVG: Creo que o seu traballo como crítico tamén se retroalimenta coas súas investigacións e a atención que lle dedicou e dedica a autores como Manuel Luís Acuña, Cunqueiro, Celso Emilio e Lueiro Rey.
– RN: É posible. Para min esas voces que nomeas foron, e son, obxecto da miña atención como investigador en diversas etapas. Tiven a fortuna de ter na miña formación profesorado competente que me iniciou por eses, e outros, camiños e tamén a inmensa sorte de atopar, sobre todo no caso dos dous últimos autores que citas, contornas familiares que confiaron en min para abordar diversos traballos. E por aí continuaremos.”
Arquivos da etiqueta: Manuel Lueiro Rey
Fornelos de Montes: presentación de Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey 1916-2016, de Ramón Nicolás
Entrevista a Ramón Nicolás sobre Camiño aberto
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““A súa é a obra dun exiliado que vivía en Galicia”. Ramón Nicolás presenta Camiño aberto, o libro que pecha as actividades do Centenario Manuel Lueiro Rey. Pode accederse á entrevista aquí.”
Pontevedra: presentación de Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey, de Ramón Nicolás
Ponte Caldelas: inauguración da exposición Manuel Lueiro Rey. Camiño aberto
Vídeo da presentación en Vigo de Non debían medrar e Novas crónicas dunha transición intransixente, de Manuel Lueiro Rey, en edición de Ramón Nicolás
Vigo: presentación de Non debían medrar e Novas crónicas dunha transición intransixente, de Manuel Lueiro Rey, en edición de Ramón Nicolás
O xoves 6 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125), en Vigo, preséntanse Non debían medrar (editado por Xerais) e Novas crónicas dunha transición intransixente (editado por Laiovento), de Manuel Lueiro Rey, en edición de Ramón Nicolás. No acto participan, xunto ao editor dos dous libros, Manuel Bragado e Pepe Carreiro.
Pontevedra: coloquio sobre Lueiro Rey. Perfís humanos, literarios e políticos, o xoves 16 de xuño
O xoves 16 ás 19:30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar a derradeira sesión dos actos programados e paralelos á exposición Lueiro Rey. Camiño aberto. Nesta ocasión, haberá un diálogo sobre os perfís humanos, literarios e políticos do autor de Non debían medrar grazas ás intervencións do profesor Luís Cochón, do artista plástico Antonio Chaves e mais da escritora Eli Ríos. As persoas organizadoras convidámosvos a asistir para pechar estes actos que celebran o centenario do nacemento de Lueiro Rey.