Cultura achégalle 100.000 euros á Fundación Manuel María

“A Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaba esta mañá un convenio coa Consellaría de Cultura polo que esta entidade fai unha achega de 100.000 euros. Os cartos destinaranse ao acondicionamento do auditorio da sede da Fundación, situada na antiga casa do poeta en Outeiro de Rei. Ademais, o texto prevé o desenvolvemento de rutas pola zona a partir da figura e da obra de Manuel María. O 70% dos cartos previstos no convenio proveñen dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional.” Vía Cultura Galega.

Foz: recital poético-musical en homenaxe a Manuel María

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Foz (Avenida da Mariña, 16), a Escola de Música Municipal e a Delegación de Cultura do Concello de Foz organizan un acto poético musical en homenaxe ao poeta Manuel María co gallo dos 45 anos de Versos florecidos en louvanza de Foz, gañadores dos I Xogos Florais do ano 1966. Como relator estará Suso Fernández e os poemas musicados serán cantados por Arcadio Mon. Todos os asistentes recibirán un exemplar dos Versos florecidos.

A Coruña: Dezasete letras na brétema, conferencia de Alberte Suras sobre Manuel María

O xoves Alberte Suras15 de setembro, a partir das 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Dezasete letras na brétema (unha ollada arredor de Manuel María), a cargo do escritor e profesor Alberte Suras.

A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María, con música e proxección audiovisual

O mércores 7 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Lúas de Outono. Homenaxe a Manuel María, coa estrea do audiovisual De amor e cantería, de Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo e realizado por Mikel Fontes, un traballo de 10 minutos de duración que recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que o autor expresa a significación que para el tivo a súa casa natal en Outeiro de Rei. Posteriormente terá lugar a actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, no que estrearán cinco pezas sobre poemas de Manuel María e outras gravadas en traballos anteriores.

Memoria da Chaira Enteira, en memoria de Manuel María, o xoves 8 de setembro

O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:

14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
– Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.

Arteixo: presentación do libro inédito Galiza, de Manuel María

O mércores 29 de decembro, a partir das 20:00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Monte da Estrela, participan Aniceto P. Nunes, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marica Campo, Saleta Goi e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.

Santiago: presentación de Galiza, ensaio inédito de Manuel María

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (San Miguel dos Agros, 5, esquina Praza San Martiño Pinario) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e A. C. O Galo, participan Uxía Senlle, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Cobas e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.