O luns 5 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), Santiago Prol presenta o libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda, publicado por Grupo Academia Postal Editores. No acto participan, xunto ao autor, Francisco Nóvoa Rodríguez, Leonardo Lemos Montanet, José Ignacio Vidal López, Valentín García Gómez e Miguel Santalices Vieira. Haberá un acompañamento musical a cargo do conxunto de música de cámara Ensemble Aurum.
Arquivos da etiqueta: Manuel Vidal. Un presbítero ilustrado de Maceda
Entrevista a Santiago Prol en La Región sobre Manuel Vidal
Entrevista a Santiago Prol en La Región:
“O macedao Santiago Prol, actualmente residente en Santiago de Compostela, vén de publicar un libro que recolle a vida e obra dun rexionalista ilustre pero descoñecido, en Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda, que presentará en Ourense proximamente.
– La Región (LR): Como xurdiu a posibilidade de tratar esta senlleira figura literaria?
– Santiago Prol (SP): A publicación en decembro de 2001 en La Región foi clave para recuperar a figura esquecida de Manuel Vidal e serviume tamén como impulso para investigar a súa vida. Unha vez apareceu o artigo neste periódico, tamén apareceu na web do Concello de Maceda, abriuse un artigo sobre el na Wikipedia… Vidal empezou a existir trala publicación. (…)
– LR: A súa relación con Ourense foi importante?
– SP: El naceu e criouse en Maceda e faise crego no Seminario de Ourense. Exerceu como cura na igrexa de Don Franque de Maceda. Ordenouse sacerdote no seminario de Ourense e, ata que marchou para Madrid, estivo vencellado plenamente a Ourense. Xa na capital xuntouse co lobby dos curas ata que retornou a Santiago de Compostela, onde foi catedrático.
– LR: Destaca na súa bibliografía a triloxía que fixo sobre o Xacobeo cando aínda non estaba de moda…El sabía dese potencial?
– SP: Pódese dicir que era un adiantado ao seu tempo . Soubo valorar xa nos anos 20 o potencial do Xacobeo cando aínda nin se tiña en conta iso. Penso que debería estar mellor valorado en Santiago de Compostela, onde non lle teñen feito nin unha placa de homenaxe.
– LR: Considera, pois, que queda moito por recoñecerlle?
– SP: Por suposto. Empezando por Maceda, onde deberían darlle, alomenos, o nome da praza onde está a súa casa natal. E seguindo pola cultura galega xa que, malia ter só tres libros en galego, xa ten máis méritos que outros para que se plantexe que entre na nómina de homenaxeados nas Letras Galegas.
Santiago Prol: “Manuel Vidal é un adiantado ao seu tempo, un personaxe a recuperar”
Entrevista a Santiago Prol en La Voz de Galicia:
“Aínda que pasou varios veráns nas Torres de Meirás con dona Emilia Pardo Bazán, foi profesor de Isaac Díaz Pardo e Domingo García Sabell, fundou xunto a Basilio Álvarez a revista Galicia e estivo na mesa presidencial da fundación das Irmandades da Fala en Santiago, a figura do presbítero de Maceda Manuel Vidal (1871-1941) quedou esquecida. Dese esquecemento vén de rescatala o historiador Santiago Prol (Maceda, 1960), no libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda.
– La Voz de Galicia (LVG): Non é a primeira vez que recupera a figura de persoeiros esquecidos: João da Nova, Benigno Álvarez…
– Santiago Prol (SP): Manuel Vidal é unha materia que eu tiña pendente dende había moito tempo. Empecei facendo un pequeno traballo de investigación sobre el no 2001, que despois se converteu nunha entrada na Wikipedia e na Xacopedia. Pero quedou moi no aire, digamos que despois me dediquei a facer traballos de investigación sobre outra xente. Foi a partir do 2011 que me metín a fondo nel e descubrín que é un galego moi interesante cun montón de produción.
– LVG: Escribiu sobre Santiago e o mito xacobeo.
– SP: El ten unha triloxía, que se chama a Triloxía Xacobea, na que hai unha obra de teatro sobre a Raíña Lupa que é moi interesante e que preside nin máis nin menos o arcebispo que estaba naquel momento, que era Lago González. Fai un libro sobre o Pórtico da Gloria que se debería reeditar, que é boísimo. A min agasalláronme con ese libro, que é de 1926, no ano 1979, daquela era un rapaz de 18 anos. Mireino e pareceume moi interesante, pero a verdade é que quedou metido nun andel e recupereino en 1999. Ese foi o meu punto de arranque. En Maceda reeditouse Deixe que xa, que é un libro do ano 1931 e Don Porrazo o mi cubierto de plata, e eu aí fixen unha descuberta: a Maceda de finais do século XIX estaba toda plasmada no libro de Vidal. Houbo unha revolución, a revolución de outubro de 1870 que el describe tal e como foi a realidade. É un personaxe a recuperar e merecería que se pense como un dos candidatos ás Letras Galegas. (…)
– LVG: Por que a súa figura quedou esquecida?
– SP: A miña teoría é que porque era un home de dereitas. Pero para a súa época era un home moi avanzado. El era un home do rexionalismo, tiña un sentimento de Galicia moi potente, pero por riba estaba España.”