Entrevista a Marcelino Fernández Mallo en Dioivo:
“Marcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, Pallarega (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros. (…)
– Dioivo (D): Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, “admirable”, criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto?
– Marcelino Fernández Mallo (MFM): Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.
– D: Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas?
– MFM: A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. (…)”
Arquivos da etiqueta: Marcelino Fernández Mallo
Santiago: presentación de Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo
O xoves 22 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo, publicada por Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan Henrique Monteagudo e David González Couso.
A Coruña: Klásicos, de Marcelino Fernández Mallo
«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro martes 13 de abril, terá lugar a presentación na Coruña do libro Klásicos de Marcelino Fernández Mallo, coa presencia xunto co autor, de Francisco Fernández Naval e Alberte Ansede. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación. Entrada libre.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio De la peseta al euro, o libro de relatos Cabilia e as novelas A Trenza e Klásicos. Mantén a bitácora persoal A trenza.»
ACAB
Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo
Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.
Marcelino Fernández Mallo na Feira do libro da Coruña
Marcelino Fernández Mallo asinará exemplares da súa novela A trenza (Editorial Ézaro). Será o martes 5 de agosto ás 19:00, na caseta de información.
Con esta obra a editorial estrea a súa colección de literatura galega.
A Coruña: preséntase A trenza, de Marcelino Fernández Mallo
A Editorial Ézaro estrea a súa colección de literatura galega coa presentación da novela A trenza (ver blogue), de Marcelino L. Fernández Mallo. Será este martes 15 ás 20.00 horas no Centro Fonseca da Coruña (Rúa Fonseca, 8). Intervirán no acto Yolanda Castaño (poetisa), Alejandro Dieguez (editor) e o autor.