Entrevista de Marta Río a Marco García Vaquero en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Na dedicatoria do seu libro afirma a todos os ulloáns “vivan onde vivan”. Esta obra chega tamén a quen non é da Ulloa?
– Marco García Vaquero (MGV): Eu creo que todo o mundo pode relacionarse con esa idea. Na comarca do Ulla sentímonos moi conectados ao río e a este sentimento. Aquí en Galicia sempre terás un monte, unha montaña, outro río; algo ao que te sentes moi conectado. Case todos os temas que se tratan pódense relacionar, fala dun sentimento de pertenza á natureza.
– EP: Galicia é unha terra chea de historias. Algunha da súa infancia que lembre con especial cariño?
– MGV: Unha das veces que crucei polo río había uns nenos xogando como o faciamos nós, subíanse á varanda e saltaban á auga. A nai dun dos nenos chamoulle a atención, “baixa de alí, que vas levar”, como nos dicían a nós. Resulta que esa nai era amiga miña, e ségueo sendo, dicindo o mesmo que nos dicían de pequenos. Fíxome gracia a transgresión de xeracións, dunha á outra no mesmo lugar.
– EP: Que lle leva a escribir un libro tan conectado á terra tras máis de dez anos vivindo lonxe?
– MGV: Cada vez que volto, sorpréndeme a cantidade de tempo que pasamos ao lado do río, a cantidade de historias, celebracións e andainas que facemos. Dunha desas naceu todo. Empecei a escribir as historias que me contaran, que aínda non sei se son verdade ou non. Intentei reflexionar sobre por que o río é tan importante para nós, para a comarca e para os ulloáns. (…)”