Desde Nós Diario:
“A profesora emérita da USC Margarita Ledo Andión converteuse na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela. O xurado composto polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; as profesoras Marta López Alonso, Rosa Crujeiras Casais e Rita Gradaílle Pernas, en representacións das comisións de normalización lingüística de Lugo, Santiago de Compostela e Claustro Universitario, respectivamente; e mais o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, decidiu outorgar o galardón por unanimidade á que fora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade polo seu compromiso “incuestionábel coa lingua galega” e que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”. A entrega do premio terá lugar o vindeiro 29 de setembro nun acto institucional que se desenvolverá no Paraninfo da USC.
“Como decana puxo en marcha unha Facultade de Ciencias da Comunicación que liderou dende os seus inicios ata a actualidade o primeiro posto en canto a horas de docencia en lingua galega, unha presenza que se mantén ano a ano por riba do 90%”, subliñou o xurado. Ademais, Margarita Ledo ten dirixido máis dunha ducia de teses de doutoramento, a inmensa maioría delas en lingua galega e moitas relacionadas con cuestións relativas á cultura e lingua de Galicia.
As súas liñas de traballo en investigación céntranse na produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, neste senso ten traballado en programas europeos para a subtitulación de obras audiovisuais en linguas non hexemónicas, e tamén as políticas de comunicación, así como as teorías feministas no eido da creación. (…)”