Dolores Vilavedra, nova presidenta do Consello da Cultura Galega

Desde Cultura Galega:
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), catedrática de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi elixida esta tarde presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) por unanimidade. Vilavedra formaba parte do Plenario como representante do Instituto da Lingua Galega e releva a Rosario Álvarez tras a fin do seu mandato. Na sesión tomaron posesión os novos membros: Eduardo Corbelle, Ramón Nicolás, Susana Reboreda e a nova reitora da USC, Rosa Crujeiras.
O Pleno da institución votou favorablemente a candidatura de Dolores Vilavedra, única presentada para a Presidencia do Consello da Cultura Galega tras a finalización do segundo mandato de Rosario Álvarez. A presidenta electa do CCG xa desempeñaba a Vicepresidencia da institución desde 2024 e ten unha longa traxectoria na mesma, onde foi secretaria e coordinadora de diferentes comisións e seccións.
Tras a súa elección, Dolores Vilavedra comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución. O seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, publicado no Diario Oficial de Galicia. Tras o seu nomeamento oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.

Liñas xerais do seu mandato
A presidenta electa do CCG apuntou a unha “consciente actualización do papel e das funcións dunha institución que se encamiña cara aos 50 anos”. Nese sentido, destacou que potenciará o traballo en equipo en distintos niveis e fortalecerá as relacións institucionais dentro e fóra de Galicia. Na acción exterior, piar fundamental da institución, intensificará tamén as relacións co Etxepare Euskal Institutua e co Institut Ramon Llull.
Entre as súas prioridades situou a vontade de “facer visible o compromiso desta institución coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión, o espírito crítico e o valor do coñecemento científico”. Dolores Vilavedra salientou que o camiño percorrido polo CCG “no fomento do diálogo entre a cultura humanística e a científica xa non ten volta atrás” e asegurou que procurará manter a diversidade disciplinaria que caracterizou a institución desde a súa creación, así como unha aposta decidida “pola divulgación e pola excelencia”.
Vilavedra apuntou tamén que outro dos grandes obxectivos será chegar a novos públicos, especialmente ás xeracións máis novas. Ademais, expresou a súa preocupación polas desigualdades no acceso á cultura e polos atrancos que determinados novos grupos cidadáns poden atopar no achegamento á lingua e á cultura galegas. “Garantir o seu dereito a ser galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería constituír unha prioridade nos vindeiros anos”, concluíu.
Subliñou a importancia de reforzar o papel asesor da institución e anunciou medidas como o fortalecemento do Observatorio da Cultura Galega e a elaboración dun plan de dixitalización progresiva dos fondos do CCG, tanto dos distintos arquivos como dos legados que a institución recibe de maneira continuada. (…)”

Margarita Ledo convértese na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

Desde Nós Diario:
“A profesora emérita da USC Margarita Ledo Andión converteuse na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela. O xurado composto polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; as profesoras Marta López Alonso, Rosa Crujeiras Casais e Rita Gradaílle Pernas, en representacións das comisións de normalización lingüística de Lugo, Santiago de Compostela e Claustro Universitario, respectivamente; e mais o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, decidiu outorgar o galardón por unanimidade á que fora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade polo seu compromiso “incuestionábel coa lingua galega” e que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”. A entrega do premio terá lugar o vindeiro 29 de setembro nun acto institucional que se desenvolverá no Paraninfo da USC.
“Como decana puxo en marcha unha Facultade de Ciencias da Comunicación que liderou dende os seus inicios ata a actualidade o primeiro posto en canto a horas de docencia en lingua galega, unha presenza que se mantén ano a ano por riba do 90%”, subliñou o xurado. Ademais, Margarita Ledo ten dirixido máis dunha ducia de teses de doutoramento, a inmensa maioría delas en lingua galega e moitas relacionadas con cuestións relativas á cultura e lingua de Galicia.
As súas liñas de traballo en investigación céntranse na produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, neste senso ten traballado en programas europeos para a subtitulación de obras audiovisuais en linguas non hexemónicas, e tamén as políticas de comunicación, así como as teorías feministas no eido da creación. (…)”