Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro incorpóranse ao Plenario do Consello da Cultura Galega

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Plenario do Consello da Cultura Galega votou este mércores a entrada de Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) e María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Con elas, iguálase a presenza de homes e mulleres que integran o Plenario en calidade de personalidades electas. Ademais destas dúas incorporacións, renovan no seu posto os profesores universitarios Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela, e o músico Maximino Zumalave. Deixa de ser membro electo do pleno Henrique Monteagudo. Nesta votación, tamén se cubre a baixa deixada no seu momento por Alfonso Paz Andrade.”

Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía celebrada o 7 de xuño nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita. (…)
O acto foi presentado e conducido pola escritora Fina Casalderrey e acolleu tamén as intervencións de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Á igrexa de San Domingos de Bonaval acudiron asemade o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, e a Xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, entre outras autoridades e representacións. (…)”

Pontevedra: Concerto do Día das Letras Galegas, o mércores 16 de maio

O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o Concerto do Día das Letras Galegas, no que a orquestra da Real Filharmonía de Galicia, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e o Coro Académico do Conservatorio Manuel Quiroga, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretarán obras de Antón García Abril, Juan Durán e Rogelio Groba, partituras compostas sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas. Está organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Pontevedra.