Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.

Redondela. Sábado 2 de setembro
Roteiro da memoria na Illa de San Simón.
Con Xosé María Álvarez Cáccamo
Punto de partida: Porto de Meirande, Redondela. Traslado en barco á Illa de San Simón
Inscricións en Turismo Redondela: 986 401 713 (xa cubertas)
Percorrido arredor das illas de San Simón e San Antón, ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados. Terase en consideración o proceso histórico dos acontecementos ocorridos nas illas, desde a Idade Media: a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe.

Tui. Sábado 16 de setembro
Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario.
Con Vítor Vaqueiro
Punto de partida: Monte Aloia, lugar de estacionamento perante a antena de radio
Inscricións no Concello de Tui: 986 603 625
O punto de saída será o lugar de estacionamento situado xunto á antena de radio, case no cumio do monte. O roteiro discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla, e visitar dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses e o do castelo. Tamén inclúe a cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño e, finalmente a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. O percorrido relacionará as crenzas que relativas ao culto aos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga.

Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira’.

Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados  como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.

A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.