Ante a próxima transposición da Directiva de Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital, a Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras do Estado Español (á que pertence a AELG) que representa a máis de 6.000 autoras/es, enviou esta semana un manifesto ao Ministerio de Cultura e Educación, no que solicita o recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria e a irrenunciabilidade do dereito de autoría recoñecido no artigo 15 desta directiva.
Baixo o título Manifesto pro-dereitos de autoría para as/os escritoras/es, xornalistas e outras/os autoras/es, a norma europea prevé no seu artigo 15 un dereito conexo a favor das/os editoras/es de prensa, con participación das/os autoras/es, polos usos dixitais que realizan dos seus contidos determinados servizos de información, tales como agregadores e buscadores. O Estado deberá traspoñer esta directiva ao seu ordenamento xurídico antes do 7 de xuño deste ano.
Neste sentido, as asociacións que forman esta Conferencia lembran que «esa directiva recoñece ás/aos xornalistas, escritoras/es e titulares de dereitos sobre obras e outras prestacións incorporadas ás publicacións de prensa, unha parte axeitada dos ingresos percibidos polo/a editor/a en concepto deste dereito». O texto reclama «transparencia na súa xestión» e, para iso, solicitan o «recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria para este dereito unido á consideración de irrenunciabilidade» como única forma de facer efectivo este dereito.
MANIFESTO PRO-DEREITOS DE AUTORÍA PARA ESCRITORAS/ES, XORNALISTAS E OUTRAS/OS AUTORAS/ES
Moitas/os escritoras/es colaboramos, xunto a xornalistas e outras/os autoras/es, cos medios de prensa con artigos que, tras a súa publicación, son utilizados en internet polos servizos da sociedade da información, tales como agregadores e buscadores, sen solicitar autorización nin abonar cantidade algunha.
Para remediar esta situación notoriamente inxusta, a Directiva Europea de dereitos de autoría de 2019 recoñeceu, no seu artigo 15, un novo dereito conexo para o/a editor/a de prensa. De agora en diante, eses usos dixitais deberán efectuarse coa autorización dos/as seus/súas autores/as. Ademais, esa directiva recoñece ás/aos xornalistas, escritoras/es e titulares de dereitos sobre obras e outras prestacións incorporadas ás publicacións de prensa, unha parte axeitada dos ingresos percibidos polo/a editor/a en concepto deste dereito. Que este novo dereito sexa unha realidade para uns/unhas e outros/as esixe a transparencia na súa xestión, isto é, que as tarifas, as recadacións e as reparticións sexan públicas e transparentes e queden fóra do alcance das presións das grandes empresas tecnolóxicas que usan os nosos contidos para os seus negocios na rede.
O recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria para este dereito unido á consideración de irrenunciabilidade, son os instrumentos legais que permiten conseguir dita transparencia. Por todo iso e ante o risco de que estes dous elementos de garantía non se contemplen na transposición de devandito artigo, esiximos:
– A implementación na Lei estatal do artigo 15 da Directiva Europea co recoñecemento dese novo dereito, establecendo a súa irrenunciabilidade.
– A xestión colectiva obrigatoria do mesmo.
En caso de que estes elementos non se contemplasen, estarase a expropiar á parte máis feble, ao/á autora, de novo, outro dereito social conquistado tras anos de loita, así como establecendo un precedente para a viraxe do modelo de protección dos dereitos de autoría cara a teses puramente mercantilistas.
A xestión colectiva obrigatoria foi un soporte moi importante para que o noso colectivo poida desenvolver gran parte da súa actividade, non só con carácter xeral durante os últimos 30 anos, senón tamén, e moi especialmente, ter un soporte de protección social e de apoio no seu labor profesional que se fixo aínda máis evidente, até ser imprescindíbel, en momentos tan duros como os orixinados pola pandemia que estamos a padecer.
A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, coordinadora de ámbito estatal, está integrada pola Asociación Colexial de Escritores (ACE), a Asociación Colexial de Escritores de Cataluña (ACEC), a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), a Asociación de Escritores de Euskadi-Euskadiko Idazleen Elkatea (AEE/EIE), a Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), a Asociación Escritores e Críticos Literarios de Valencia (CLAVE), a Asociación de Escritores Estremeños (AEEX), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Nova Asociación Canaria de Escritores (NACE), a Asociación Navarra de Escritores-Nafar Idazleen Elkatea (ANE), a Asociación de Escritores da Rioxa (ARE), a Sociedade Cántabra de Escritores (SCE) e a Asociación de Escritores de Castela-A Mancha (AECLM).