A Coruña: Obradoiro Entre universo e tinta… escribimos?, con Estíbaliz Espinosa

O Obradoiro Entre universo e tinta… escribimos? é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña e a colaboración do MUNCYT, impartido por Estíbaliz Espinosa, e cunha sesión especial a cargo de Alba Cid.

Non vemos xa a Vía Láctea, a nosa propia galaxia, mais podemos recuperala e escribir dela. O cambio climático é un feito, pero o coñecemento espalla o activismo para frealo. A intelixencia artificial, as células nai, a estación espacial internacional, o telescopio espacial Webb, os glaciares, o raio verde e as cores da ardora…precisan poetas, escritoras. Disidentes da frase feita, elaboradores de antimateria de tópico, amantes da lírica enerxía escura como tinta preta. A escrita está nos nosos átomos: estamos feitos de escrita como de po de estrelas. Se portamos as células nai do saber, descubrimos? Curioseamos? Escribimos?

Oito sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:30 a 14:00, que se celebrarán os sábados:
10 de setembro.
1 e 8 de outubro.
5, 12 e 26 de novembro.
3 e 17 de decembro.
Terá lugar no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT (Praza do Museo Nacional da Ciencia, 1), A Coruña.

20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. A inscrición, gratuíta, pode realizarse no correo electrónico oficina@aelg.org

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.