Un documental moi especial para lembrar a Luísa Villalta

Desde Sermos Galiza:
“O 6 de marzo de 2004 Luísa Villalta morría por sorpresa, coa conmoción non só do seu entorno próximo senón do mundo literario e tamén do centro no que impartía clases. O IES Isaac Díaz Pardo de Sada, no que era profesora, apresurouse a dedicarlle un número da súa revista e poñerlle o seu nome á biblioteca. Nove anos despois da súa morte, un documental do alumnado lembra á que foi profesora do centro e, alén da súa traxectoria biográfica e literaria, repara na intensa pegada que deixou no lugar no que impartía aulas de lingua e literatura galegas.
Voces como as de Fernán-Vello, Francisco Pillado, Pilar Pallarés, César Morán ou Maribel Longueira -todas próximas ao transcorrer vital de Luísa– rememoran a relación coa escritora e a súa traxectoria literaria. O documental fita en tres aspectos vitais de Villalta, o seu perfil cultural, en especial a súa faceta de escritora e música -moito máis descoñecida e da que se dan importantes datos-, o seu compromiso coa lingua e o país e a súa particular personalidade que deixou lembranza en quen a coñeceu.
“Unha figura desta calidade, comprometida no plano político,social, que soubo ler o seu tempo e estar á altura do compromiso que esixe formar parte dunha sociedade, dun país, dun tempo histórico” di o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello para definir á autora de Música reservada, Ruído ou En concreto. A tamén poeta Pilar Pallarés destaca que “como escritora Luísa é unha figura excepcional porque é moi pouco parecida a outros, cun mundo propio e unha grande conexión e coherencia na súa obra, independente do seu xénero”. Pallarés lembra esa harmonía que Luísa sostiña entre a súa paixón vital e o pensamento lóxico que se evidenciaba nunha “enorme preocupación e era moi lúcida á hora de analizar o país”.
O editor Francisco Pillado e a fotógrafa Maribel Longueira -que asinou coa poeta o libro Papagaio– lembran episodios compartidos coa escritora nun documental de case media hora de duración no que tamén se recollen testemuñas do seu paso polo centro.
O audiovisual, realizado pola produtora Gallaecia Films do IES Isaac Díaz Pardo, recorre a vida da escritora desde o seu nacemento até a morte prematura en 2004, días despois do que sería a súa última intervención pública, unha homenaxe a Palestina o 26 de febreiro. Remata con imaxes do seu enterro un poema de César Morán dedicado á escritora da que o 6 de marzo do próximo ano se fará unha década da súa morte, o que a fai candidata a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.”