O que vén en 2014 (efemérides literarias), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non é difícil conxecturar que boa parte da actualidade cultural do 2014 estará ocupada por dous escritores que, sen dúbida, suscitarán unha abondosa atención mediática en forma de actualización e posta ao día da súa obra literaria. Eles son Xosé María Díaz Castro e Eduardo Blanco-Amor, mais talvez non sería desaxeitado atender aniversarios e datas simbólicas doutras voces, igualmente significativas para a nosa cultura.
Son dúas as circunstancias que este 2014 ofrece en relación ao poeta de Guitiriz. Por un lado a celebración, o 19 de febreiro, do centenario do seu nacemento e, polo outro,  a decisión da Real Academia Galega para que protagonice o Día das Letras Galegas.
Díaz Castro ben merecía este recoñecemento, malia ser un autor dun único libro publicado en vida ou mesmo talvez por esa mesma razón pois Nimbos é deses poemarios que honran e dan brillo a unha literatura. O mesmo ocorreu con autores que faleceron cun único libro publicado, véxase De catro a catro de Manuel Antonio, Fírgoas de Manuel Luís Acuña ou Proel de Luís Amado Carballo. Neste ronsel é onde, ao meu xuízo, cómpre situar a Díaz Castro: o que quixo dicir deixóunolo nun excelente poemario e logo calou, ou gardou silencio. É evidente que este ano traeranos necesarias biografías, a edición do resto da súa obra literaria que sospeito abondosa e interesante e outras iniciativas. Benvido, pois, este 2014, ano Díaz Castro para a cultura galega.
Tamén a RAG dispón xa diversas actividades que se vincularán co 35 aniversario da morte do autor de A esmorga; o mesmo aniversario, por certo, que lle corresponde a Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane.
Respecto a Eduardo Blanco-Amor xa se programan tanto a celebración dun plenario extraordinario na cidade de Ourense como un simposio que afonde en diversos aspectos da súa produción literaria. O perfil do escritor ourensán cómpre evocalo sempre, entre outras causas porque viviu moitos anos como un outsider, ignorado e maltratado tantas veces polo oficialismo. Gústame esta homenaxe porque posibilitará outra nova ollada á súa biografía –insuperable a que nos deixou Gonzalo Allegue co título EBA diante dun xuíz ausente– e, asemade, á súa obra.
Descoñezo se algunha institución pública ou asociación privada planifica algunha actividade ao fío das posibles celebracións que as circunstancias cronolóxicas fan cadrar, mais así debía ser. Entre elas salienta a do cincuenta aniversario do falecemento tanto do político sadense Ramón Suárez Picallo, que viviu axitadamente entre Galicia e América toda a súa vida, como do político e arquitecto vigués Manuel Gómez Román, que desenvolveu un labor aínda hoxe escasamente recoñecido tanto no ámbito do Partido Galeguista como, anos despois, na resistencia cultural no franquismo no seo da editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Por último, tamén este 2014 cumpriría cen anos o mestre, político e ensaísta Avelino Pousa Antelo, falecido hai tan só ano e medio, que foi presidente da Fundación Castelao durante moito anos e exemplar modelo de fidelidade ao seu país e á súa lingua. Neste mesmo grupo cumpriría citar a Celestino Fernández de la Vega, outro ilustre tradutor e ensaísta, especialmente coñecido polo seu intemporal O segredo do humor (1963) e mais a Ramón de Valenzuela, quizais unha das voces narrativas máis precisadas de difusión e revisión, tamén pola dificultade de atopar libros clave como Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar…, obras que non deben faltar para este 2014.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2013, baixo o título de O ano de Díaz Castro e Blanco Amor.

P. D. Dous días despois da publicación infórmanme que neste 2014 hai 110 que naceu Arturo Cuadrado e cen anos do escritor murgardés Xosé Rubia Barcia. Deixo constancia aquí deles. Grazas.”