“A poesía foi unha forma de situarme no mundo e unha actitude fronte ao tempo e o lugar que me tocou vivir” — entrevista con Alberte Momán Noval

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Alberte Momán en Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Alberte Momán (AM): Para min, a poesía foi unha forma de situarme no mundo e unha actitude fronte ao tempo e o lugar que me tocou vivir. Primeiro significou un medio para coñecerme a min mesmo, para atopar un lugar, e só co tempo conseguín transcender ao eu e comezar a mostrar a miña propia visión do mundo. Pero, dende logo, a poesía, dende o meu punto de vista, foi moito máis que unha simple forma de ver o mundo. É case unha forma de ser. Non me vexo a min mesmo como un poeta que escribe poesía, as cousas que escribo vivinas previamente, son unha extensión de min mesmo.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– AM: Cando comecei a escribir, facíao a modo de terapia, non por prescrición facultativa, senón debido a unha necesidade de expresar as cousas que doutro xeito non era capaz. Precisaba reafirmarme nas pequenas verdades que me sostiñan cada día. Polo tanto, na realidade nunca houbo un lector ou lectora potencial ao que dirixirme. De feito, non lia o que escribía, nin para corrixilo. Moito do que fun deitando polo mundo adiante son primeiras versións que nin me molestei en reler pasado o tempo.
Dende hai uns anos, si releo e corrixo, tamén me dirixo a alguén, sempre próximo que me inspira e me incita a escribir sen ser realmente consciente de que estou tentando realizar unha fotografía subxectiva da súa persoa. Este feito si inflúe no que fago, obrígame a establecer unha conexión moi íntima con outra persoa e a poñerme no seu lugar en calquera situación. Require un proceso demorado, tamén precisa de observación e o resultado, malia que continua ser impulsivo e breve, como o psychobilly, obrígame a dubidar de min, derrubar as certezas que tiña asentadas e que me serviron para manterme en pé nos anos máis difíciles. Iso plásmase no que fago, queda reflectido, posiblemente, dun xeito non moi visible pero si presente. (…)
– U: Este libro, Non venal (editora Urutau, 2020), en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– AM: Este libro ten unha protagonista real. Unha persoa á que me aproximei e á que pretendín interiorizar, inicialmente só co propósito de coñecela mellor. Co tempo fun percibindo a necesidade de crear unha ficción ao redor do que esta persoa me suxería. Non se pode dicir que sexa unha historia baseada en sucesos reais, como eses horribles filmes de sobremesa, pero si que hai moito de real no que se conta. (…)”