Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O dramaturgo Manuel Lourenzo acaba de publicar Nunca paraíso, un total de 39 pezas de teatro breve, escritas entre 1973 e 2015. O autor tamén recibiu por segunda vez o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola súa obra Suite Artabria. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arquivos da etiqueta: Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015)
Manuel Lourenzo: “Haberá que preguntarse a quen lle interesa que o noso teatro fracase”
Manuel Lourenzo: “Dedicarse ao teatro significa aceptar as consecuencias”
Entrevista de Montse Dopico a Manuel Lourenzo en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Nunca paraíso] foi unha proposta de Xerais?
– Manuel Lourenzo (ML): Un día coincidimos Manuel Bragado e eu e non sei quen falou antes de facer un libro: saíu o tema. Xuntamos nun libro 39 pezas, que agrupei por características formais: monólogos, diálogos, un teatro máis verbal ou máis de acción… Quedaron, aínda así, moitas cousas no armario, como seis pezas de teatro longo que están á espera. Parece que o libro está indo ben de vendas, -o cal é estraño tratándose dun libro de teatro-, e iso, se segue así, animaríame a tentar publicar máis…
– P: Cantas pezas de teatro ten escritas? Son tantas que nin o saberá…
– ML: Ao dedicar parte da vida ao ensino escribín moitas pezas breves porque me son moi útiles para os exercicios de interpretación. Debido a iso, e a outras razóns, talvez leve escritas unhas 200 ou máis pezas breves. Despois, pezas de entre unha hora e dúas podo ter unhas 60 ou así, seis delas inéditas. Unha boa forma de conseguir editar é gañar un premio, pero os premios gáñanse unhas veces si e outras non, así que as pezas que non gañan quedan gardadas… De todas maneiras, o teatro non é cousa fácil e xa o sabemos: dedicarse ao teatro significa aceptar as consecuencias. (…)
– P: Outra boa parte das pezas do libro falan de relacións familiares ou de amizade cheas de tensións, nas que dúas persoas monologan ou, cando dialogan, non se entenden.
– ML: É que é moi difícil: preservar a intimidade, que as cousas duren… Porque é difícil que duren, mesmo os sentimentos, e máis as relacións máis institucionalizadas como o matrimonio. Ademais, é o mundo en que vivimos. Shakespeare fala de Hamlet coa mentalidade do século XVII, cando xa houbo Galileo ou a sociedade patriarcal xa non ten tanto como sustentarse, por exemplo. O teatro é un reflexo do seu tempo, que non se pode nin se debe agochar. Sobre todo cando entendes que non estás a facer só literatura ou só divertimento… A min non me importa tanto a trama como a situación: a relación entre as persoas, condenadas a estar xuntas, a maneira de levar a convivencia… Diso trata o teatro: expor os comportamentos humanos, á vista de todos, quitando a máscara, para facer que o espectador se pregunte como obraría nunha situación semellante…
– P: Outra característica da súa obra é a presenza da mitoloxía clásica. Está, neste libro, pero tampouco tanto.
– ML: É un recurso que utilizo, pero tampouco o único. En realidade, se se coñece a miña obra, teño máis do outro… Os mitos permítenche falar de comportamentos que xa estaban aí hai séculos, pero que hai que presentar coa mentalidade de hoxe. Gústame incorporar mitos nas miñas obras e tamén fago tradución de literatura clásica. Por exemplo, Filoctetes, que o les agora e resulta moi moderno polo retrato que fai das operacións coas que nos “agasallan” os políticos.
A maior parte das cousas que escribo son “autoencargos”, pezas que me apetece ou que considero que debo escribir. Hoxe as demandas por parte doutras persoas, que xa sempre foron cativas, son mínimas. Así que, o que facemos, facémolo por nós mesmos. O propio teatro é unha máscara, poñer a máscara do personaxe que aprendiches, activar a parte exterior da máscara para despois volver ser quen somos. É un xogo, como o mito, que enmascara a realidade para embelecela, para dar medo, para revelala… (…)”
A Coruña: presentación de Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015), de Manuel Lourenzo
O xoves 13 de outubro, ás 19:00 h., na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar a presentación do libro Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015), de Manuel Lourenzo, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado. Ao remate, Elsinor Teatro interpretará as pezas dramáticas do autor “Antes da función” e “Zanzíbar”