A Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 5

OFeira do Libro da Coruña 2015 mércores 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Presentación do libro-disco Canta a lúa coas estrelas, con poemas de Rosalía Merlán musicalizados por Manoele de Felisa e ilustracións de Isa Albela. Publicado por Técnicas de Gramaxe.
18:00 h. Celia Díaz e María Seoane asinan exemplares de Velaí vai o papaventos, na caseta da Libraría Aenea.
19:00 h. Alfredo Conde asina exemplares de ColeccionAn, 69 poemas de amor, publicado por Trifolium.
19:00 h. Presentación dos libros Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde, publicados en Baía Edicións, coa presenza do encargado da edición do primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o autor do segundo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, xunto a Marica Campo.
19:45 h. Presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Laura Veleiro, Héctor Pose, o ex-futbolista Donato e Francisco Castro.
20:00 h. Chuches Amil dará un concerto do seu libro-disco Un conto ao revés, publicado en Galaxia.
20:30 h. Presentación de Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora.
21:15 h. Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro presentan a resolución do Premio Novo Xornalismo e do número de verán da revista Luzes.

Garrincha, o mítico futbolista brasileiro que dá nome a unha novela galega

ArtigoBeatriz Maceda de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Chamábanlle o “Anjo das pernas tortas” ou “alegria do povo” e os dous nomes acaíanlle ben a Manuel Franco dos Santos, Mané, coñecido para a historia do fútbol mundial como Garrincha (1933-1983). Un dos nomes míticos do fútbol mundial forma parte do título da primeira novela de Beatriz Maceda, O álbum de Garrincha (Galaxia) que a autora presenta, canda Donato, o ex-futbolista do Deportivo, nesta cuarta feria na Feira do Libro da Coruña. (…)
A novela de Beatriz Maceda evoca a historia do futbolista brasileiro en O álbum de Garrincha, unha novela que fala de fútbol mais tamén de integración, de superación das dificultades e de solidariedade. “Son mestra e desde hai anos temos aulas multiculturais e dinme conta de que chegan coa morriña nos ollos, cunha tristura inmensa, sen ser referente de nada e vin que o fútbol é un deporte democrático co que a integración pode ser rápida”, explica a escritora da orixe da súa novela que quixo dar outra imaxe do fútbol, alonxada do mundo dos cartos que rodea aos deportistas de elite.
Unha das sortes foi dar co Garrincha, un personaxe que a fascinou e que, sen ser protagonista, evócase no libro. “O meu home e meu fillo faláronme del e pareceume unha figura extraordinaria e un compañeiro perfecto para João, era un exemplo de superación, o modelo que precisaba”, sinala Beatriz Maceda. “Interesábame transmitir a idea de que si queres facer algo e tes ilusión tes que loitar para conseguilo, non deixalo no primeiro atranco”, defende e, para iso, a figura de Garrincha non podía ser máis acaída.
Se poucos son os libros escritos arredor do fútbol, menos aínda os que teñen unha muller como autora. O de Beatriz Maceda pódese gabar de ser o primeiro na nosa literatura. “É un mundo masculino, é, e nunca pensei niso á hora de escribilo mais tamén é hora de mudar iso e cada vez son máis nenas as que xogan tamén no patio ao fútbol”, apunta a autora. (…)