A Coruña: actividades destacadas do mércores 1 na Feira do Libro

Comeza a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do mércores 1 de agosto son:

13:00 h.: Pregón a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
18:30 h.: Presentación de Os poemas do río, de Cristina Corral e Aurora Cascudo, publicado en Everest Galicia.
19:00 h.: Presentación de O peizoque Roque, de Dores Tembrás, publicado en Galaxia. Participan Francisco Castro e Xosé Tomás.
19:30 h.: Sinatura de libros de As catro estacións de Vivaldi, de José Antonio Abad, publicado en Kalandraka.
20:00 h.: Lectura de Manuel Rivas: Conto inédito de O máis estraño, un capítulo de Todo é silencio e inéditos do libro de próxima aparición en Xerais titulado As voces baixas. Ao remate da lectura, Manuel Rivas asinará exemplares da súa obra.

‘Manuel Rivas reúne no libro O máis estraño relatos coñecidos e outros inéditos’

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.