Entrevista de Montse Dopico a Pura Salceda en Praza:
“Pura Salceda volve á literatura en galego tras bastante tempo, desde A ollada de Astarté (Espiral Maior, 2007). E faino con O paxaro de nácara (Galaxia), unha novela de intriga, de paixóns, cun transfundo social relacionado coa historia da emigración e un ollar etnográfico, mais non exento de crítica, sobre a rural galego. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Comeza a novela coa volta dunha xornalista galega emigrada en Barcelona, Nélida, á súa aldea. Nesa primeira parte parece haber unha intención de retratar a vida na sociedade rural tradicional, con algunhas dinámicas en proceso de desaparición. Por que?
– Pura Salceda (PS): A novela pretende ser un fresco sobre as aldeas na Galicia contemporánea. É unha forma máis de non esquecemento deste período no que, en poucos anos, se pasou dunha vida rural moi arcaica a un mundo tecnolóxico. A xente da miña xeración, os do Baby boom, somos uns recolledores de ecos sobre o pasado, en boca dos pais e dos avós, que asemade tivemos que adaptarnos para non perder a carreira cos da xeración nativa dixital. Reflectir eses paradoxos é tamén explicarnos.
– P: En relación co anterior, escolles Feás, no concello de Boborás, para situar a historia. Por algún motivo especial?
– PS: Podería terme inventado un nome calquera, unha Vetusta máis ou un Macondo, pero Féas é a aldea dos meus pais, e nomeala como tal, á parte de darlle máis realismo á historia, é unha homenaxe a cantos viviron nela, un tributo ás raíces e tamén aos meus pais. Persoas que loitaron moitísimo para intentar mellorar as súas vidas e, en consecuencia, ás nosas.
Agora que acaba de falecer meu pai, alégrame saber que foi o primeiro libro que leu en galego e que o fixen feliz explicando as súas tribulacións. Foi un rapaz moi intelixente que non puido estudar e que sempre lle quedou esa espiña cravada. Dalgunha maneira é reivindicalo, como a tantos outros da súa xeración que padeceron a mesma inxustiza. (…)
– P: Había moito que non publicabas un libro en galego: desde A ollada de Astarté, quizais. Tes proxecto de seguir escribindo en galego?
– PS: Que non publique non quere dicir que non teña material en galego, sobre todo en poesía. Teño que revisar libros de poemas, a ver se poden ver a luz en breve. De todos os xeitos, coa poesía cada libro “escolle” a súa lingua. Segundo o tema, ou por que se escribiu, nace nunha lingua ou noutra: galego, catalán, ou castelán. Estou tamén escribindo outra novela en galego, totalmente distinta a esta.
Divírteme cambiar de temas e estilos (quen non se divirta escribindo, mellor que o deixe). Coa narrativa, á parte de Alicia en Penumbra. Historia de Perra Negra, que era unha novela escrita hai moito, como unha póla do libro de poemas Versos de perra negra, e que por iso se publicou en castelán, a miña intención é escribir narrativa só en galego. Evidentemente é unha escolla consciente. Éme máis doado escribir en castelán, que é a miña lingua boomer de escola, pero o galego necesita de todos nós, se nalgo pode un contribuír humildemente a ela. Para min, é un acto de amor.”
Arquivos da etiqueta: O paxaro de Nácara
Obras gañadoras do XXXIII Premio Rosalía de Castro, en Cornellà
“O sábado 7 de decembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acadou a súa XXXIII edición, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Francisco Javier Fernández Davila polo seu poema Poemas de aeroporto.
Un día que comezaba cheo de cultura, literatura e poesía galegas, coa presentación nos locais da Asociación do libro O paxaro de nácara, da escritora galega residente en Barcelona, Pura Salceda, publicado por Galaxia, acompañada polo escritor e crítico literario Armando Requeixo, editado por Galaxia.
Ao acto asistiron, ademais, os compoñentes do Xurado do Certame de Poesía, así como numerosos socios da Entidade; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e concelleiro de Cultura do Concello de Cornellà, Ot García en representación da Alcaldía.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido da presentación doutra publicación: o Libro Recompilatorio do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro desde 1997 ata 2018 inclusive, editado coa colaboración da Xunta de Galicia. O evento tivo lugar na sede da Asociación, e a súa presentación correu a cargo de Valentín García, Oliver Fernández, Presidente da A. C. G. Rosalía de Castro, Anxo Angueira, Armando Requeixo, Miriam Ferradáns e Xulio Cougil. A ilustración da portada débese ao artista de Padrón, Masito Beiró.
O libro, como indica o mesmo título, trata da Recopilación dos tres poemas premiados de cada ano deste Certame de Poesía dende 1997 ata o 2018. 63 poemas dos principais autores contemporáneos da poesía galega que foron premiados neste Certame e no que atopamos nomes como: Marcelino Sixto Deibe, Antón Riveiro Coello, Modesto Fraga, Rexina Vega, Baldo Ramos, Ana Vázquez Estévez, Emma Pedreira, Lito Caramés, Alberte Momán, Yolanda López, Alba Cid, Israel Martínez Veiga, Cruz Martínez Vilas, Amauta Castro, Miriam Ferradans, Cristina Ferreiro, Arancha Nogueira, Manuel Dopico, Isaac Xubín, Gonzalo Hermo, entre out@s.
As diferentes actividades contaron coa asistencia de numeroso público, así como a presencia do Concelleiro de Cultura de Cornellà, Ot Garcia, en representación do seu alcalde Antonio Balmón, quen se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración dos protagonistas da xornada de Cultura e poesía galegas coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é un piar fundamental.
Pola noite, e no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, onde participou, entre outras persoas, o xurado do Certame, composto por: Presidenta: dona Pura Salceda. Vicepresidenta: Miriam Reyes. Vogal 1: Armando Requeixo. Vogal 2. Xulio Simón. Vogal 3: Luís Losada. Vogal 4º: Daniel Giraldo. Secretario: Xulio Cougil.
Déronse a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 33 edición do Certame de Poesía e que son os seguintes:
Primeiro premio: Francisco Javier Fernández Davila, de Vigo, polo seu poema titulado Poemas de aeroporto.
Segundo premio: Lupe Gómez Arto, de Santiago de Compostela, polo seu traballo Reverberación.
Terceiro premio: Martiño Maseda Lozano, de Vilalba, polo poema Alguén matou a Primavera.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial-accésit ao poema Afacerse ao lume. Autora: Esther Val Rodríguez.
Cornellà, a 7 de decembro de 2019
Antonio Díaz Fernández”