Contos que saben a Nadal e Reis

Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo

Arteixo: contacontos con música O Rei da Floresta, de Adela Figueroa e Xaquín Facal

O sábado 28 de decembro, ás 17:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar a actividade titulada O Rei da Floresta, de Adela Figueroa e Xaquín Facal, contacontos con música sobre o Apalpador, o Cabaliño das Queirugas ou a Fada Mirnaia, entre outros personaxes de ficción, destinado ao público máis novo.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do xoves 8

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O xoves 8 de marzo, ás 18:30 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O rei da floresta, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro.

Lugo: presentación de O Rei da Floresta, de Adela Figueroa

O mércores 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo) de Lugo, preséntase o libro O Rei da Floresta, de Adela Figueroa. No acto, presentado por Toño Núñez, haberá cantos e música.
Galería fotográfica posterior disponíbel nesta ligazón.

Ramil (Agolada): Festa do Solsticio de Inverno

“O mércores 21 de decembro, na Eira da Xoana, en Ramil (Agolada), terá lugar unha nova edición da Festa do Solsticio de Inverno. O programa é o seguinte:
– 17:00 h. Encontro na Eira. Para elaboración de fachos.
– 17:45 h. Subida ao Cotón dos fogos. Acto de despedida ao Sol que se fará simultaneamente con outros grupos que estarán situados en lugares destacados da contorna. Os grupos confirmados que van participar son: “Bico da Balouta” e “Buxaina da Ulloa.”
– 18:30 h. Queima do Tizón. Facendo lume novo que queima o ano vello que remata.
– 19:30 h. Acto literario. Entre outros, presentación por Anxo Moure do libro O Rei da Floresta, de Curra Figueroa.
– 20:30 h. Cea e actuacións. Coma no ano anterior temos confirmada a presencia de Mini e Mero.

NOTAS:
1.- Para a cea traede a vosa comida e algo máis para agasallar aos demais.
2.- Como noutras ocasións nós poñeremos queixo elaborado por Chus, marmelo e café. Aportación solidaria 2 € soci@s e 3 € non soci@s.”