Desde Sermos Galiza:
“Pablo López Orosa, natural de Oza Cesuras, faleceu aos 34 anos no Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC), segundo confirmaron fontes do seu contorno; onde permanecía ingresado após unha viaxe a Mozambique da que se resentiu aos poucos días de regresar.
López Orosa dedicou boa parte da súa carreira xornalística á cobertura de conflitos internacionais como profesional independente. En 2013 iniciou un percorrido que o levou a Oriente Medio, ao este de África, ao sueste asiático e a Centroamérica.
Contou para diferentes medios de comunicación a posguerra iraquí e o conflito kurdo, o xenocidio da minoría rohingya en Birmania e a desaparición de linguas milenarias.
Pablo López Orosa foi galardoado co premio de xornalismo solidario Memorial Joan Gomis pola reportaxe La tregua de los zapatos. É o autor da novela Fálame do silencio (Xerais) e o fundador da revista Achtung!“
Arquivos da etiqueta: Obituario
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu socio Xosé Leira López
Segundo informa Diario de Ferrol, os restos mortais de Xosé Leira López están no tanatorio Albia do polígono da Gándara (como chegar).
Hoxe, xoves 24 de outubro, ás 12.30 terá lugar a incineración e ás 17.00 partirá a comitiva fúnebre cara ao cemiterio e igrexa parroquiais de Santiago de Lago, en Valdoviño, de onde era natural.
Vexa aquí a videoteca coas entrevistas que se lle fixeron, promovidas desde a AELG ao longo dos anos.
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu Membro de Honra, Manuel Álvarez Torneiro
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Manuel Álvarez Torneiro, quen nos deixa na súa poesía un excepcional traballo formal ao servizo da reflexión humanística, no sentido máis amplo, coa utopía sempre no albo.
A Asemblea xeral de Socias e Socios da AELG nomeouno Socio de Honra en 2011, canda a Víctor Campio Pereira González, uníndose así á listaxe conformada por Jenaro Marinhas del Valle, Rafael Dieste, Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Xosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Shey’, Álvaro Cunqueiro e Celestino Fernández de la Vega.
Os ángulos da brasa foi Premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012, poemario que tamén sería recoñecido co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Educación e Cultura e o Premio da Crítica Española en 2013.
O seu corpo está sendo velado na Sala 1 do Tanatorio Servisa da Coruña. Mañá xoves, 10 de outubro, será incinerado ás 11:00.
Morre Rosario Albán, impulsora do Centro de Estudos Galegos da Bahia
Desde Sermos Galiza:
“Rosario Albán era docente xa retirada do Instituto de Letras da Universidade Federal da Bahia, no Brasil. Foi alí onde, en 1995, fundou o Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas. Tamén ela estivo detrás do congreso Língua e inmigração na América Latina, organizado en 1996. Albán morreu esta semana.
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos expresa o seu fondo pesar polo pasamento da profesora María del Rosario Suárez Albán”, di un comunicado, “queremos recoñecer a súa tarefa académica e a dinamización dos estudos culturais galegos no Brasil”. A asociación tamén lembra a homenaxe que, en 2015, lle rendeu a súa universidade. Celebraban os 40 anos da creación do primeiro Centro de Estudos Galegos na Bahia, antecesor do que a propia Albán puxo en marcha dúas décadas despois.
As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe (1998), Os galegos baianos em Salvador (1998), A inmigración galega na Bahía (1989) ou A presença do Galego na Bahia (1989).
Galega de nación, graduada en letras vernáculas e mestre en portugués pola Universidade da Bahia -da que foi docente xa desde 1974-, a Asociación Internacional de Estudos Galegos salienta ademais “a súa dedicación constante ao fomento da Galiza no Brasil a partir tanto da actividade universitaria como da colaboración con institucións da colectividade galega”. “Desexamos que todo o seu esforzo teña continuidade polo ben da cultura e da lingua de Galiza”, conclúe.”
Celso Parada e o patrimonio inmaterial da cultura galega
Desde a Sección de Literatura Dramática da AELG lamentamos a morte de Celso Parada.
Sendo un dos pioneiros do teatro profesional galego, chegou a arriscar, en tempos difíciles, o seu patrimonio material para que a empresa do teatro contribuíse ao patrimonio inmaterial da cultura, aínda que non dese diñeiro. Celso Parada, ademais, era un teatreiro comprometido coa escenificación da literatura dramática galega.
Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Xosefa Arias Castelo
A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Xosefa finou o 6 de xullo de 2019 e descansa xa no cemiterio da parroquia de Santaballa, na que nacera hai 97 anos.
Xosefa Arias Castelo
Santaballa (Vilalba-Lugo),1921-2019
Naceu no albor do século XX, o 14 de setembro de 1921, nas terras chairegas de Santaballa, unha das parroquias do Concello de Vilalba. Criouse no seo dunha familia labrega humilde, nunha situación privilexiada como filla vinculeira.
Dende moi nena acudiu á escola da Liga, á que asistía cando podía, non cando quería, pois por aquel entón o traballo era moi necesario para sacar a casa familiar adiante.
Xa de moza, casou aos 26 anos con José Bermúdez, máis coñecido como Pepe do Fogaina, co que tivo seis fillos. Un deles morreulle ao pouco de nacer, pero conseguiu botar adiante cinco fillos nun contexto nada fácil como foi o da dura posguerra española.
Adicou toda a súa vida ao traballo na labranza e ao coidado das vacas que proporcionaban a pouca riqueza daqueles días.
Aos seus 90 anos lembraba con certa añoranza a escola daquela época, recoñecendo que lle gustaba moito asistir porque lle gustaba estudiar, pero a miseria daquela época non permitía que a educación fose primordial para as familias campesiñas do momento.
Lembraba unha anécdota da súa etapa final na escola, cando o seu mestre Don Antonio Quintela Ferreiro foi visitar persoalmente a seus pais para recomendarlles “que seguisen estudiando a súa filla porque era unha pena botar a perder unha nena tan intelixente”. É evidente que seus pais non puideron cumprir aquel sello, por razóns económicas pero tamén porque non desexaban quedar sós. Eran outros tempos e primaban outros valores.
Josefa foi unha muller loitadora que co seu suor e o do seu home logrou sobrevivir o infortunio dos tempos que lle tocou vivir.
Como boa santaballesa, mostrouse orgullosa de nacer nunha das parroquias máis prósperas da contorna, loada polo seu tío poeta Caetano Arias López, ao que tamén alababa por ser un dos cantores da Terra Chá de principios do século XX, que deixou un importante legado poético para a posteridade.
Caetano foi un dos poetas populares máis prolíficos da provincia de Lugo. A súa obra é intimista, social e, sobre todo, popular, reflexo da Santaballa dos primeiros anos do século pasado na que deixou fonda pegada a emigración a América. Boa testemuña delo é a construción da escola habaneira sufragada integramente polos veciños da parroquia, emigrados e non emigrados, que ansiaban un futuro mellor para as xeracións vindeiras.
Moitas das súas poesías chegaron aos máis diversos recantos do país como cantares de cego, transmitidas oralmente de vellos a mozos, e publicadas na prensa vilalbesa da época e en rifas que se facían nos festexos. Caetano, xunto co seu fillo, o pai de Josefa e un veciño, integraba un cuarteto de gaitas que amenizaba as festas e romaxes que se celebraban na comarca a mediados do século pasado.
Josefa coñeceu moi de preto a súa poesía e sentía fachenda de ser sobriña dun dos poucos poetas populares que viron parir as terras vilalbesas. Foi unha das poucas transmisoras da súa obra, e estes son algúns dos poemas que a Josefa máis lle gusta lembrar: “Encima de mel, filloas”, “A máquina de mallar”, “Adiós, meu Ricardo”, “Galicia, xardín de flores”, “As papas de Xacoba”, “¡Probe gaiteiro!”, etc…
Josefa aproveitaba con ledicia calquera ocasión, sobre todo as xuntanzas familiares e de amigos, para recitar e lembrar con gran emoción a poesía de seu tío Caetano, aínda que recoñecía que cada vez lle resulta máis difícil pois, dixera ela: “… agora xa son unha vella de 90 anos“. Aínda así, gozou dunha gran memoria para recitala con todo luxo de detalles e con gran forza interpretativa. Esta foi, xunto coa leitura, unha das grandes aficións de Josefa.
Adaptación de “Unha muller feita de terra”, artigo de Carme Pernas Bermúdez
Vexa aquí os vídeos da gravación que se lle fixo o 5 de novembro de 2011 co gallo do seu nomeamento como Mestra da Memoria. Vexa tamén aquí o fondo videográfico coas participacións de Josefa Arias Castelo no Proxecto Polafías.
Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo
Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG nomeouno Mestre da Memoria o ano 2018.
A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria.
Os restos mortais de Pazos de Merexo están a ser velados no tanatorio do Grupo Bergantiños en Muxía, e a condución do cadáver está prevista para as cinco e media deste martes 26, cara a igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Datos biográficos:
O acordeón diatónico, segundo o investigador Pedro Pascual, chegou á Península Ibérica a finais do s. XIX. E tivo éxito, un enorme éxito este instrumento, especialmente nas festas populares asociado ao baile agarrado e a outros ritmos de moda a partir dos anos 40 do s. XX. Mais axiña, a pesar desa enorme popularidade, caeu en desuso ao ser substituído polos acordeóns “piano” que levaban as orquestras profesionais.
A figura de Manuel Pazos é moi importante pois só el e uns pouquiños tocadores (Sindo de Olelas, Edelmiro de Irixo e Manuel Calvo) tocaban o diatónico ao estilo “galego” a finais do s. XX.
Grazas ás gravacións que se lle fixeron a partir de 1998, cando contaba xa 75 anos, podemos coñecer e conservar o amplo repertorio, decisivo para que un grande número de músicos máis novos se achegasen ao diatónico e interpreten, compoñan e intercambien con instrumentistas doutras tradicións ese xeito “galego” de tocar o diatónico.
Manuel Pazos Redonda, da Casa da Forreira, naceu en Merexo, parroquia de Ozón (Muxía), o 9 de maio de 1926, nun lugar situado nunha paraxe espectacular no fondo da ría, entre Camariñas e Muxía. Fillo e neto de emigrantes na Arxentina, terceiro fillo dos 8 irmáns que foron. Manuel nin emigrou nin quixo ter que ver cos oficios do mar. Naceu onde vive, en terra de ceboleiros e ceboleiras, boa para cultivar, ademais de excelentes cebolas, millo, patacas… ou o que se queira, que foi ao que se dedicou Manuel toda a vida. Ou case toda, que tamén lembra os traballos dos tempos do wolframio que precisaban os alemáns e vixiaban os ingleses, e tamén que con algún daqueles cartiños aínda chegaría un acordeón máis moderno e mais enteiro á casa de Manuel.
En 1937, cando xa el andaba co devezo de imitar aos afamados Caroliños, músicos de Muxía, chegou ás súas mans o galano soñado; un acordeón de botóns que ao seu primo José de Benito non lle cabía na maleta de regreso a Arxentina.
Quedou o acordeón en Merexo e as primeiras leccións do primo aínda que, nun primeiro momento, mentres Manuel non foi quen de aprender un repertorio básico, o acordeón alugábase a veciños que xa sabían tocar para amenizar os bailes da parroquia. Pero non tardou Manuel en dominar as pezas imprescindibles para levar o ritmo no baile: xotas, muiñeiras, pasodobres, e tamén valses ou mazurcas que viñeran do outro lado do mar. O que máis lle gustou sempre foi ver como se botaban a bailar, sobre todo as mozas, cando el tocaba.
Aos poucos, Manuel foi facendo súas as pezas que aprendía, e engadiulles “o floreo”, unha habilidade que el imitou dos Caroliños, mellorándoa notablemente e que só uns dedos áxiles moi adestrados poden lograr.
O seu repertorio foise conformando de pezas escoitadas aquí e acolá, unhas chegadas do outro lado do mar, outras escoitadas a uns xitanos cando a mili, outras do ceguiño de Muxía, acordeonadas que el levaba ás palilladas e tamén aos salóns de baile de Merexo e arredores.
Sempre tocou só. Tras un tempo de silencio musical logo da morte da muller en 1989, en 1996, instigado polo fillo, Pedro, volve a coller o acordeón, desta volta para acompañar a viaxe no autobús e encher de sons atlánticos reivindicativos a Castellana de Madrid cando a gran manifestación dos gandeiros galegos en 1996, como fixo en 2008 cando houbo que protestar contra a megafactoría piscícola que quería asolagar Merexo.
A partir de aí chega o recoñecemento. Visita os platós de programas de TV como Luar, Alalá e A Repichoca. Actúa nos escenarios dos grandes teatros galegos (unha moi especial, sen estar prevista, no Pazo da Ópera da Coruña con Flaco Jiménez) recibe visitas de investigadores e músicos que queren saber, que queren aprender como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente, Xurxo Souto…, aínda que non faltaron os contratempos cando un accidente laboral afecta considerablemente a mobilidade de varios dos dedos dunha man.
Todo o superou Pazos. Chegaron as gravacións, as actuacións, os premios; os últimos, como sempre, os da veciñanza, pero chegaron.
Múltiples anécdotas encherían de alegría esta breve laudatoria. Como cando lle amañou o acordeón cunha pila de foco ao Ceguiño de Corcubión, os recordos do alcalde republicano de Carballo, José Monteagudo, agochado na súa casa no 36, os recordos do barco do gas, o buque cisterna alemán abatido no 43 no mar de Muxía por avión aliados e que deixou aquel mar mancado coa primeira marea negra que se recorda por alí. Alguén prendeulle lume ao gas e ardeu mar e o monte de arredor.
“É unha persoa moi polifacética, que igual muxe unha vaca que fai un cesto, toca unha mazurca ou un pasodobre”, dixo del o seu fillo Pedro.
“Acórdome cando eramos pequenos. Estaba o acordeón no faiado. E só o sacaba pola festa do San Martiño que viñan os primos de Corcubión. E despois máis adiante xa faciamos festa polo san Xoán ou polo San Pedro na praia de Lago, ou nun bar, ou mesmo na corredoira… Dunha peza pasaba a tocar outra, ata as tres da mañá, toda a noite”, di a súa filla María Xosé.
E quizais con estas dúas citas abondase, sen máis palabras, para definir a capacidade de Manuel Pazos para adaptarse ao medio e ás circunstancias. Citas ás que quizais só habería que engadir nun rótulo ben grande, xunto ao título de “Mestre da Memoria”, “Mestre do Floreo”.
Todo isto e moito máis poden vostedes ler e escoitar no libro-disco editado pola aCentralFolque (Centro Galego da Música Popular) en 2015 co título “Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte”, da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual. Unha publicación con datos biográficos, fotografías, partituras do repertorio antolóxico de Pazos de Merexo e un CD cunha entrevista e pezas musicais interpretadas por Pazos con Kepa Junquera, Brais Maceiras, Xosé Manuel Varela… e o seu propio neto, Adrián.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Manuel Pazos no Proxecto Polafías, vídeos, gravados o 26 de marzo de 2018 en Merexo (Muxía).
Morre Giuseppe Tavani, un dos maiores expertos na lírica medieval galego portuguesa
Desde Sermos Galiza:
“Á súa constancia investigadora débense algúns estudos canónicos do corpus da lírica medieval galego portuguesa: A poesía lírica galego-portuguesa (1986), A poesía de Airas Nunez (1992) ou en colaboración con Giulia Lanciani As cantigas de escarnio (1995). O profesor romano Giuseppe Tavani morreu esta sexta feira aos 95 anos.
Catedrático de filoloxía románica na Universidade de Roma I, foi Honoris Causa pola de Compostela. De “filólogo maxistral, amante da poesía e grande amigo de Galiza” cualificábao o sociolingüista e académico Henrique Monteagudo nunha introdución en 2011 a unha conferencia de Tavani sobre Martin Codax.
Os seus libros de temática galego portuguesa publicáronse en Galaxia. Mais o romano tamén foi especialista en líricas catalá -en 1968 publicou en italiano Poesía catalá de protesta-, francesa e provenzal. A maiores, encargouse de numerosas traducións de literatura galega e portuguesa ao italiano.
A Xunta de Galiza concedeulle a Medalla Castelao.”
Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela
Desde Sermos Galiza (foto cedida a Sermos Galiza):
“Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela, morreu o pasado 6 de marzo. Contaba 93 anos e un infatigábel labor de investigación e divulgación das culturas brasileira e portuguesa.
Ademais de volumes como Gramática portuguesa (1946), A poesia portuguesa actual (1976) ou A língua e a cultura portuguesa no tempo dos Filipes (1986), Vázquez Cuesta tamén dedicou os seus esforzos de filóloga á obra de ilustres autoras galegas, entre outras Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.
A profesora e filóloga nacera en Chantada en 1926. A súa nai, Modesta Cuesta, foi a primeira muller licenciada en Farmacia na universidade galega. O seu pai, Daniel Vázquez, deputado pola ORGA nas Cortes constituíntes da II República. Pilar Vázquez Cuesta titulouse en 1946 na Complutense de Madrid.
No 76 comezou como docente, tras gañar a oposición, de lingua e literatura portuguesas na Universidade de Salamanca e, a partir de 1982, como catedrática en Compostela. Despois de 1991, data da súa xubilación, continuou ligada a esta institución como profesora emérita.
Doutora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa e medalla Castelao da Xunta de Galiza en 1996, foi ademais tradutora ao castelán de escritoras e escritores portuguesas e brasileiras.”
A AELG lamenta a perda do seu Socio Manuel Vilanova
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda de Manuel Vilanova.
Manuel Vilanova (Barbantes, 1944 – Vigo, 2019). Doutor en Filoloxía Románica pola UCM e Catedrático de Lingua e Literatura Española de Ensino Medio, é autor dunha obra poética en língua galega de exquisita envergadura composta polos seguintes volumes:
– A tarde cheia de verán (1979). Editorial Mogor.
– E direi-vos eu do mister das cobras (1980). La Región.
– A lenda das árbores de prata (1985). Edicións Nós.
– A esmeralda branca (2006). Follas Novas
– Antonio das mortes e a muller de verde (2010). Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
– Nin sequera no ceo (2011). Follas Novas.
– Un banco na Gran Vía (2016). Ir Indo.
– A substancia das horas (2017). Ir Indo.
– 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Pigmalión.
Tamén é autor dunha serie de libros poéticos de gran calidade en castelán:
– Mejor el fuego (1972). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El cazador de días (1977). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El quinto cáliz (1977). Diputación Provincial de Granada.
– Casa para los ojos (1988). Diputación Provincial de Málaga.
– El corazón del pan (2002). Fundación Jorge Guillén, Valladolid.
A poesía de Manuel Vilanova, fundamentalmente a chamada tetraloxía vilanoviana, composta por E Direivos Eu do Mister das Cobras, de 1980, A lenda das Árbores de Prata, de 1985, A Esmeralda Branca, de 2006, e Un Banco na Gran Vía, de 2017, semella estar transida pola cobiza do infinito. Concepto que, dado a volta, reflectido no espello, poderíamos considerar como rexeitamento da finitude. A extensión colosal deste discurso, case sen parangón no marco das poéticas contemporáneas, unida á súa permanente calidade, convérteo nun fenómeno a considerar.
Este rexeitamento da finitude, que o é tamén do silencio, do nada, e, por tanto, da morte, descrita como “a saída” e “o billete de saída”, é unha aposta pola vida, pola creación, pola palabra, polo discurso. E a partir de aí podemos estender o xogo de analoxías. Ao fondo o eco da proposta hegeliana da arte como “presenza do infinito no finito”.
Esta cobiza do infinito ten como marco enunciativo unha voz que percibe o infinito dentro de si a través de desmesura das linguaxes, desmesura que se deixa sentir nos infinitos signos do mundo, multiplicados polo devir, mais, sobre todo, na lingua verbal e as súas infinitas combinacións e sentidos. O mundo é unha desmesura e as nosas múltiples, incontables propostas de representalo tamén rematan por se converter en desmesura. Fronte ás tentativas das ciencias e das técnicas de mensurar o mundo, a poesía asoma como a proba tanxible da súa desmesura.
Aos seus setenta e catro anos, Manuel Vilanova, nado en Ourense en 1944, escribe un libro de setenta e catro poemas: 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Un libro que é unha recapitulación existencial e, por tanto, un axuste de contas co vivido. Trátase de darlle un repaso ao relato do camiño, iso que, normalmente, atinxe o nome de autobiografía. Mais non esquezamos de partida que estamos perante un dos maiores poetas que teña dado este noso país no seu milenio xa sobrado de existencia e que, por tanto, esta codificación do mundo representado e achegado aos sentidos do autor non se vai producir dun xeito común senón, antes ben, modificado pola orixinalidade da súa voz peculiar.
Manuel Forcadela
O enterro terá lugar o xoves 7 de marzo, ás 5 da tarde, en Barbantes (Ourense).
Aquí podemos ver a longa entrevista publicada no Centro de Documentación da AELG, onde fala da súa obra.