Faleceron Orosia Gil Ramos e Dolores Macías, Mestras da Memoria.
A AELG lamenta fondamente a perda das dúas Mestras da Memoria a finais de 2021 e inicios de 2022.
Orosia Gil Ramos, Mestra da Memoria en 2017 coas Pandereteiras da Alén, faleceu a finais de novembro de 2021, aos 99 anos de idade.
Nacera o 27 de marzo de 1922 no lugar da Alén, onde traballou nos oficios do campo, tivo gando, andou ao xornal e tamén trouxo á vida e criou un fillo, Manuel, que para os máis dos veciños é Manolo d’Orosia e actualmente coida con agarimo a súa nai. Filla ela do Tío Bautista, dos “Xiles” ou “Xilotes”, a señora Orosia criouse ao calor da fragua e coma o seu defunto irmán Eliseo -de quen se lembra tamén no lugar o seu saber no cantar e a elegancia no baile-, foi afeita a mazar no ferro, é forte e ten sempre sorriso na cara e a alegría xenerosa. Alén da arte do canto e dunha vasta memoria, que lle permite lembrar un grande número de coplas, coñece tamén outras historias de tradición oral, que conta co cariño e a cadencia precisas.
Aquí pode consultarse o fondo videográfico da súa participación nas Polafías.
Dolores Macías Pose, Mestra da Memoria en 2016, faleceu a inicios deste 2022, con 91 anos de idade.
Coñecida entre a veciñanza como “Dolores do Coxo”, os seus ollos brillan cando alguén se achega a saudala e mais cando lle falan de coplas. A súa cabeza non deixa de lembrar os versos que aprendeu desde ben nova.
Dolores Macías naceu o 7 de abril de 1930 no lugar de Borneiro, á beira da igrexa parroquial de san Xoán. Levou unha vida tranquila, sen grandes cambios. Traballou sempre na casa e na labranza. Ao contrario doutras irmás, non aprendeu a coser, pero si o traballo do liño e, de paso, os cantos de fía. Acorda ir de moza a algunhas fiadas ao Esmorís, en Cesullas, ou a Bamiro, en Vimiazo.
Xa lle gustaba cantar á súa nai María, pero outro tipo de cantos, os relixiosos. Dolores acompañábaa na misa para axudar ao vello párroco de Borneiro, don José Andújar, que ‑comenta con retranca- disque non cantaba moi ben.
Cunha copla á Virxe da Barca recorda con agarimo as peregrinacións á romaría de Muxía, aínda que a súa viaxe inesquecíbel sería a Venezuela, onde compartiu nove meses cos seus irmáns emigrados Maruja e Manolo. A emigración, polo tanto, tamén ocupa un lugar destacado nas cantigas do seu repertorio.
A veciñanza e amizades sempre lle fan peticións das súas cantigas máis populares, especialmente dos seus romances de cego, que recita entoando e sen fallo. Como exemplo, o romance de Cristovo e Micaela, que aprendía na feira de Baio aos músicos ambulantes que alí chegaban. Outros tamén os lembra de escoitalos cando ía ao Entroido da Agualada á casa dos seus padriños.
Moitas das coplas que sabe Dolores veñen de vello, pero outras sáenlle a ela no momento e con temas de actualidade como as que lle cantou ao presentador Xosé Ramón Gayoso no programa Luar, ao que acudiu nalgunhas ocasións.
Sabe tocar a pandeireta, especialmente a muiñeira vella de Borneiro co puño pechado, e sempre prefire que outras pandeireteiras a acompañen. Tamén baila «como o fan as mulleres», e aínda que os anos non perdoan e se apoia nun bastón, sempre está disposta e alegre para botar unha peza.
Nunca deixou de participar nas gravacións e recollidas por parte de grupos tradicionais como Xacarandaina, achegar versos ao Cancioneiro de Cabana de Bergantiños de Pablo Díaz e Olga Kirk, ou cantar diante da cámara da AELG.
Para sempre quedarán no recordo as sesións de coplas que nos agasallou xunto coa súa amiga Aurora Ramos (1913) en moitas actividades de posta en valor do patrimonio oral que se levan facendo desde o concello de Cabana de Bergantiños.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Dolores Macías Pose no Proxecto Polafías.