Daniel Salgado: “Este é un libro sobre o medo, amarrado a unha esperanza desesperada. Un libro de vencidos”

Entrevista a Daniel Salgado en Compás da Costa:
“O libro Os tempos sombrizos do lucense Daniel Salgado é o gañador da primeira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente que organiza a Fundación muxiá que leva este nome. O xurado decidiuno así polo seu claro compromiso anticapitalista e social e pola rica intertextualidade da obra tanto coa poesía como coa música contemporáneas, e de maneira especial co jazz. (…)
– Compás da Costa: Tempos de crise. A poesía é un bo investimento?
– Daniel Salgado: A poesía resiste as augas xeadas do cálculo egoísta, que dicía o Marx. Prefire o reino da liberdade ao reino da necesidade. Non acepta o modo de produción que impón a barbarie como paisaxe xeral da época. A poesía, ao cabo, é incalculábel e, polo tanto, non se pode someter ao réxime do investimento. Ou polo menos isto é o que a min me parece que debe ser a poesía. (…)”

Daniel Salgado, con Os tempos sombrizos (diario), gaña o I Premio de poesía Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os tempos sombrizos (diario), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario.
O premio será entregado o día 20 de Xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.”