Igrexa dos Vilares (Guitiriz): entrega do Certame de Micropoesía da Chaira Vilariñas


Entrega de premios a Andrea Araújo Alonso, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez, coa intervención de Alfonso Blanco Torrado (Presidente da A. C. Xermolos) e Fátima Fernandez Chascarraschás (NPG). Entregan os premios Sandra Tenreiro Doldán cantautora e mestra, Luz Campello García, poeta da NPG e Marica Campo, poeta. Presenta o poeta Martiño Maseda.

Coñécense os poemas gañadores do Certame Vilariñas da Chaira

“Os Micro poemas do Certame <VILARIÑAS> da Chaira, convocado polo grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños coa colaboración de Culturalia GZ, xa están editados na web Culturaliagz, da que poden ademáis descargarse en arquivo de pdf. Figuran as tres <VILARIÑAS> gañadoras do certame, Andrea Araújo (gañadora), Pedro Rielo (segundo) e Toño Núñez (terceiro), seguidamente as outras oito finalistas e de seguido as restantes apresentadas ao certame, que nesta primeira edición contou con poetas de diferentes puntos de Galicia e que senta un precedente orixinal moi aberto á participación e que acuña unha denominación galega ao estilo “Haikus” xaponesas para as micropoesías galegas en homenaxe ao poeta chairego Díaz Castro, en referencia ao seu lugar de nacemento, O Vilariño, da parroquia dos Vilares de Guitiriz.”

I Concurso de micropoemas Vilariñas

Vilariñas é un Certame de micropoemas da NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños.

BASES

Convócase o I Concurso de micropoesías Vilariñas no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Os autores son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
O tema será “Libre”. Cada participante podrá enviar un máximo de dous micropoemas que deben estar escritos en GALEGO en calquera das normativas, e presentarase ao concurso a través do correo electrónico dosvilares@gmail.com ou do messenger do facebook de Os Vilares, lareira de soños-.
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 5 versos sen incluir o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de dous micropoemas a concurso e cada un deles serán xulgados individualizadamente e por separado. Cada micropoema debe ser apresentado por separado.
Admitiranse obras até o día 31 de marzo de 2017, ás 23:59 horas.
A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará composto por poetas da NPG Nova Poesía Guitirica. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños e da NPG Nova Poesía Guitirica nas dúas semanas posteriores ao peche do concurso.
Entre os micropoemas participantes, seleccionaránse os mellores que poderán integrar unha antoloxía, e entre eles escollerase ao gañador co premio que consistirá en trofeo acreditativo, edición da súa obra no blog poético e un lote de libros de poesía de importantes autores galegos. A edición da antoloxía do blogue poético será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético publico cos premiados e poetas convidados.
O concurso poderá ser declarado deserto en función do número de micropoemas recibidos ou a calidade dos mesmos. Tamén o Xurado poderá facer mención especial de algún dos micropoemas participantes se considera que a súa calidade o merece, sen embargo, esta mención non conlevará compensación ou premio algún.
Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos ou dixitais que consideren incluindo o nome dos autores.
Os participantes aceptan as bases que rixen este concurso polo feito de participar no mesmo.
Cualquer dúbida sobre o contido destas bases será resolta polo xurado do certame.
A periodicidade do concurso Vilariñas de micropoemas será anual.”

Os Vilares: a terra baixo a poesía de Díaz Castro

Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Todo comeza con Manuel María. “Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo”. Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. “Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante”, comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que “era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado”.
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: “Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben”. (…)”