Desde La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”
Arquivos da etiqueta: Paco Lareo
Fina Paco Lareo, dinamizador cultural do rural galego
“Esta fin de semana morreu en Cruces Paco Lareo (Piloño, Vila de Cruces, 1938), un dos referentes actuais de dinamización do contorno rural. Malia a súa faceta de creador como escultor e pintor, destaca o seu proxecto cultural que desenvolveu na Solaina, unha das casas que posuía na súa localidade natal. Unha iniciativa que leva tres décadas de traballo promovendo encontros de artistas e escritores de eido internacional nun espazo rural, moi apegado á natureza. Lareo presidiu a fundación A Solaina (en proceso de reconverterse en Fundacion Paco Lareo) que promove a actividade deste espazo ata 2011, cando deixou o cargo na súa irmá tras serlle diagnosticado parkinson.” Desde Cultura Galega.
Querido Balbino
“Memorias dun neno labrego é, xunto con O lapis do carpinteiro, o libro máis traducido da literatura galega. Con 600.000 exemplares en 17 idiomas (estase a preparar unha tradución ao xaponés) é un referente da cultura galega. Agora, cando se cumpren cincuenta anos da súa publicación, unha exposición achégase á traxectoria do libro e da vida do seu autor. Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damián Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias inspíranse en Balbino para ofrecer trece retratos do rapaz da aldea máis popular do campo galego na exposicion titulada Querido Balbino. Canda isto, cóntase cun catálogo explicativo ilustrado que documenta os comentarios que xerou esta obra na súa traxectoria así como a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario. A exposición, que leva itinerando desde abril, abandona hoxe o concello da Laracha para continuar o seu percorrido.” Desde Cultura Galega.
Presentación de libros de teatro na Estrada
Na Estrada está prevista para esta semana a presentación das seguintes obras: Camiño de volta,de Paco Lareo; A primavera continuará, de Manuel Fragoso; Cando os libros toman té, de Teresa González Costa; Felisa, de Xoán Xesús González (introdución e edición de Marcos Seixo); Falsas confidencias, de Marivaux (tradución e adaptación de Carlos Loureiro Rodríguez); Grazas Padre Ramón, de Manuel Daniel Varela Buxán (tradución e adaptación de Xosé Luna). Será o venres 18 de maio ás 20:00 horas na Galería Sargadelos.