Entrevista
a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Hai xa uns días que Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Galaxia) anda polas librarías. A nova obra (coral, como ten dito ela) de Mercedes Queixas Zas fai un convite dende os andeis. Durante uns dous meses, logo da invitación da editorial, o libro estivo buscando forma na cabeza da autora. Despois chegou a escrita mesma. De cara ao 17 de maio, a idea é que «a xente xa vaia facendo os deberes», ri. Este ano, as Letras Galegas son para el, para Manuel María (1929-2004), o home e escritor de Outeiro de Rei.
– La Voz de Galicia (LVG): Todo un reto, parece, este traballo sobre Manuel María, no ano no que se lle dedican as Letras.
– Mercedes Queixas (MQ): Unha ilusión e unha satisfacción. A Manuel María adóroo como poeta e admíroo como persoa. Vida e obra camiñan xuntas. O reto era grande, porque foi un autor prolífico, completo. A súa vida foi vivida intensamente. Con Manuel María resultaba posible un volume enciclopédico, pero un libro de divulgación, con páxinas limitadas, non me foi doado. (…)
– LVG: ¿Cre que somos conscientes do papel que xogou Manuel María?
– MQ: Creo que lle acontece como aos grandes autores, aos que logo chamamos clásicos. Medran e empezamos a velos dunha maneira totalizadora unha vez que non están e hai ese distanciamento físico e temporal. As grandes obras son aquelas que se sosteñen no tempo, que volves a elas e seguen tendo peso e incluso gañan presenza, comunicación. Á obra de Manuel pásalle iso e sabiamos que lle ía pasar iso: é moi completa, moi de raíz, que nace dende o máis local, o máis próximo, e que se vai ensanchando a todos os círculos da vida. É universal, unha obra dun tempo, dun país, pero tamén unha obra que vai máis alá dun tempo do propio país. (…)
– LVG: O primeiro exemplar, para Saleta.
– MQ: Foi para ela, si, tiña que selo. Axudoume moito na construción da obra. Cónstame que lle fai ilusión, como todo o que se lle dedica a Manuel. É xenerosa, coma el, sempre a disposición dos que queremos estudalo, difundilo e popularizalo máis.”
Arquivos da etiqueta: Patricia Blanco
Carballo: actividades do sábado 22 e domingo 23 na Praza dos Libros
Chega ao fin
esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 20 ao 23 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 22 e domingo 23, destacamos os seguintes:
Sábado 22
– 18:30 h. Concerto-presentación de A gramola gominola, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación da novela O soño de Xoán, de Farruco Graña, publicado por Embora.
– 20:30 h. Presentación do poemario A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais, e recital de textos do libro. No acto o autor estará acompañado por Manuel Bragado e Patricia Blanco.
Domingo 23
– 18:30 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación e recital do poemario Atlántica Luz. Poesía mareira 1995-2015, de Modesto Fraga. No acto estará acompañado por Xosé Iglesias.
Luz Cures gaña o XI Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo
Patricia Blanco gaña o certame en twitter arredor de O Principiño
Desde
Galaxia:
“Hai dúas semanas a Editorial Galaxia convocaba a través de twitter e do hastag #gustameoprincipiñopor un concurso no que se convidaba aos internatuas a enviar tuits que completasen os 140 caracteres e explicasen por que lles gustaba o clásico de Antoine de Saint-Exupèry. Foron algo máis de douscentas propostas que fixeron ben difícil a escolla. Algúns dos tuiteiros e tuiteiras enviaron ducias de propostas, deixando clara a súa paixón por esta historia que, en galego, chegou xa á viséxima edición. O xurado achou que os traballos de Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con O Principiño eran os merecentes claros do premio, consistente nun exemplar do libro en tapa dura e un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor no ano 1972 do libro cando se publicou por vez primeira na nosa editorial. A foto que ilustra este texto acompañaba unha das propostas de Patricia Blanco.
O tuit dicía: #gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor.
Foron moitas fotos máis as que achegou con algunhas das súas propostas. Outros participantes ofreceron ligazóns a novas de prensa ou incluso vídeos. (…)”.

