Arquivos da etiqueta: Pedro Rielo
Vila de Cruces celebrou o Día de Xosé Neira Vilas
Desde a Xunta de Galicia:
“A Fundación Neira Vilas, o Concello de Vila de Cruces e a Xunta de Galicia celebraron o 3 de novembro o Día de Xosé Neira Vilas no concello pontevedrés, con motivo do 90º aniversario do nacemento do crucense máis universal en Gres. Unha cita que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A conmemoración incluíu a entrega do III Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos ou adolescentes, que este ano recaeu no escritor Pedro Rielo Lamela pola obra Detrás dos perdidos, e a representación do espectáculo de baile e música tradicional Balbino, co que a formación compostelá Cantigas e Agarimos pechou o programa Danza 3 da Agadic. (…)
No acto de entrega do premio interviñeron tamén Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces; Luís Reimóndez e Rosalía Morlán, presidente e secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, respectivamente; Juan Andrés Fernández Castro, membro do xurado; e Pedro Rielo, gañador do certame.
O pasado 30 de outubro o xurado da terceira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta declarou gañadora, por unanimidade, a obra Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo Lamela. Na elección influíu a viveza dos seus diálogos, o logrado da ambientación dos escenarios e a caracterización dos personaxes, que converten a narración nun texto de agradable lectura que combina a intriga coas evocacións paisaxísticas e as reflexións transcendentes.
O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dotado con 1.000 euros e coa publicación da obra gañadora.
Pedro Rielo Lamela (Pontevedra, 1972) é escritor e xornalista. Como poeta publicou Illado na incerteza (2002) e As palabras furtivas (2006). Como ensaísta, é autor da monografía Ovidio Murguía (2004). Na súa faceta de xornalista, actualmente traballa nos informativos da TVG.”
Entrega do I Certame Vilariñas 2017
Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”
Igrexa dos Vilares (Guitiriz): entrega do Certame de Micropoesía da Chaira Vilariñas
Entrega de premios a Andrea Araújo Alonso, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez, coa intervención de Alfonso Blanco Torrado (Presidente da A. C. Xermolos) e Fátima Fernandez Chascarraschás (NPG). Entregan os premios Sandra Tenreiro Doldán cantautora e mestra, Luz Campello García, poeta da NPG e Marica Campo, poeta. Presenta o poeta Martiño Maseda.
Coñécense os poemas gañadores do Certame Vilariñas da Chaira
“Os Micro poemas do Certame <VILARIÑAS> da Chaira, convocado polo grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños coa colaboración de Culturalia GZ, xa están editados na web Culturaliagz, da que poden ademáis descargarse en arquivo de pdf. Figuran as tres <VILARIÑAS> gañadoras do certame, Andrea Araújo (gañadora), Pedro Rielo (segundo) e Toño Núñez (terceiro), seguidamente as outras oito finalistas e de seguido as restantes apresentadas ao certame, que nesta primeira edición contou con poetas de diferentes puntos de Galicia e que senta un precedente orixinal moi aberto á participación e que acuña unha denominación galega ao estilo “Haikus” xaponesas para as micropoesías galegas en homenaxe ao poeta chairego Díaz Castro, en referencia ao seu lugar de nacemento, O Vilariño, da parroquia dos Vilares de Guitiriz.”