Sagrario Abelleira presenta o libro onde recolle información inédita sobre Rosalía

Desde Nós Diario:
Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858) é o resultado do traballo da investigadora Sagrario Abelleira, quen localizou no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid o expediente matrimonial inédito de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, de 1858.
Composto, segundo informan, por 12 documentos, o expediente achega nova información descoñecida sobre a vida dos dous escritores galegos que é de utilidade para coñecer as súas amizades, a cronoloxía do compromiso de matrimonio, as súas sucesivas residencias e as circunstancias do nacemento de Rosalía.
A presentación do libro decorreu onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela. No acto participaron Sagrario Abelleira, investigadora e autora do volume; Pedro Sabe Andreu, subdirector do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid; Miguel Anxo Seixas, investigador, ensaísta e colaborador na edición do libro; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Angueira fixo fincapé na importancia da descuberta e vinculou o traballo de investigación de Abelleira co de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, “quen xa achegara datos que desterraban a crenza de que Rosalía fora abandonada pola súa nai”. Datos que serven para constatar “a importancia da súa relación coa nai” e para desbotar “a súa crianza en Ortoño coa suposta familia paterna”.
O primeiro dato inédito que desvela o libro é a auténtica data e hora de nacemento da poeta: o 23 de febreiro de 1837 ás catro da madrugada. Até o de agora empregábase a data do seu bautismo, o día 24 de febreiro.
A segunda gran revelación que recolle Rosalía e Murguía é o recoñecemento da autora de Follas Novas como filla natural por parte da súa nai, Teresa de Castro. Rosalía fora bautizada como “filla de pais incógnitos”. Agora, grazas a unha escritura notarial do expediente rescatado no arquivo madrileño, queda demostrado que Teresa de Castro, nai solteira, recoñeceu a súa filla Rosalía ante notario no ano 1843.
Outra cuestión que é de destaque nesta investigación é a confesión da nai ante notario de que a súa filla foi aleitada na aldea do Santo en Ortoño durante seis meses, ao cabo dos cales regresou a Padrón.
Finalmente, o expediente tamén recolle os domicilios tanto de Murguía como de Rosalía en Madrid nos anos anteriores ao seu matrimonio e que conteñen datos relevantes que non se coñecían até a data.”