Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro para os 28 e 29 de xullo

O domingo 29 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 28
18:00 h. Presentación de Rosaura e o mar, de Isabel Blanco, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicada por Xerais.
21:00 h. Presentación de Poesía (materiais para montar unha escena de cama), de Roi Vidal, publicado por Difusora.

Domingo 29
19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
20:00 h. Presentación de Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, de Manoel da Costa Pardo, publicado por Meubook.

Poesía, de Roi Vidal, recibe o XII Premio Abrente de textos teatrais da MIT

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do 12º Premio Abrente de textos teatrais, formado pola actriz Sheyla Fariña, a directora e actriz Diana Mera, o dramaturgo Ernesto Is (Premio Abrente da edición anterior), a concelleira de Cultura de Ribadavia María Touza e Roberto Pascual, Director da MIT, decidiron por unanimidade premiar co Abrente 2017 o texto titulado Poesía (materiais para montar unha escena de cama), presentado co lema A cova de Lascaux. Unha vez aberta a plica, descóbrese a autoría do texto, que pertence a Roi Vidal Ponte.
En opinión do xurado, a obra gañadora esta orixinal peza “propón un xogo escénico de materiais para montar unha escena de cama a través da ironía no tratamento da linguaxe e das situacións. Poesía propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras. É un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente”.
O xurado destacou, igualmente, o coidado e dedicación á escrita evidenciada neste texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas. (…)”