Entrevista de Susana Rois a Xosé María Lema Suárez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A recompilación de artigos que presenta en Pola nosa lingua dedícalla ás netas, que conservan o idioma lonxe da Galiza, mais a todas as crianzas que falan galego no país ou poden chegar a falalo.
– Xosé María Lema Suárez (XMLS): As miñas netas viven en Italia e falan moi ben o galego grazas a seu pai. Fálano con nós e cando veñen de vacacións, sen ningún prexuízo. Estou case seguro de que se chegan a estar aquí, na Galiza, terían máis perigo de perder o idioma. É triste dicilo.
O decreto do plurilingüismo de 2010 foi terríbel. Condicionou o uso do galego na escola até o punto de desterralo no caso das materias de ciencias. É o primeiro que debera considerar o Goberno, derrogar unha norma que non prima a lingua propia e mesmo chega a prohibila. Neste sentido, e vou meter a man no lume, Núñez Feixoo non ten a cultura que tiña Fraga, quen polo menos non prexudicou o idioma tanto como o danou el.
– ND: Boa parte da escolla que fixo céntrase nos primeiros anos de implantación do decreto de 2010, que bateu nas rúas co rexeitamento frontal da sociedade.
– XMLS: Foi a primeira promesa electoral que apuraron en cumprir Núñez Feixoo mais o conselleiro Jesús Vázquez. Por aquel entón, 2009 e 2015, escribín unha serie de artigos moi críticos coa política lingüística da Xunta, porque tocaba a rebato. A censura centrábase nunhas medidas moi agresivas co idioma que obedeceron á primeira. Cinco deses artigos foron distinguidos co premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2010, por un xurado composto por persoas de ideoloxía diversa. E cónstame que había cargos do PP que non estaban de acordo coas decisións que estaba a tomar o Goberno de Feixoo a respecto da lingua e que dicían que estabamos ante un problema que non existía, que era inventado.
O xurado valorou a defensa realizada na prol da lingua galega nestes cinco artigos que recupero, moi incisivos contra a categoría de estranxeiro que se lle outorgou ao galego na súa propia casa, contra a actitude hostil e destrutora do novo Goberno fronte ao idioma, contra a amputación do corpus da nosa lingua: no ensino, no sector editorial, na toponimia…
– ND: Pero ademais de crítica, hai textos que tiran de retranca e de experiencias positivas.
– XMLS: Chegou un momento en que arrefriei a censura. Non quero dar a imaxe dunha persoa derrotista. Hai experiencias e artigos de signo positivo que gaban o esforzo de deportistas como Gómez Noya ou Ana Peleteiro, de mestres que reivindican as matemáticas en galego a pesar dos límites, da grande herdanza que supón a lingua propia.
O que hai que reforzar é o orgullo da sociedade de ter un idioma de máis de mil anos. Contamos cunha boa porcentaxe de falantes e neofalantes que son o futuro da lingua. Sei de netos que falan galego malia que seus avós educaron os pais en castelán. Teño unha grande esperanza depositada na mocidade. E personifico esa ilusión en xente como as poetas Sara Plaza e Rosalía Fernández Rial músicas como A banda da loba ou Caamaño & Ameixeiras, emprendedoras como Irimia Fernández Álvarez, responsábel de Brazolinda Xogos.
Como fixo Xosé Ramón Barreiro en 2009, en Celanova, exemplo de dignidade ante o poder, convido a sociedade a ser rebelde para loitar pola liberdade e prol cultura e da lingua galegas. Son consciente de que con este libro non vou cambiar o rumbo da historia pero si deixo constancia duns gobernantes desleixados que tanto dano lle fixeron á lingua que tiñan a obriga de defender. (…)”