Amigos dos Museos de Galicia concede o Premio Pedra do Destino ao humorista gráfico Siro

“Amigos dos Museos de Galicia vén celebrando, dende a súa creación polo ICOM no 1977 a xornada do 18 de maio como Día Internacional dos Museos. E así o fixo cun acto celebrado no seu espazo de culturas Portas Ártabras, onde o museólogo Felipe-Senén se referiu aos museos como complementos da educación, sendo indicativos do nivel cultural dunha colectividade. Acto no que, nunha segunda parte, se deu a coñecer o Premio Pedra do Destino 2023, que o colectivo concede anualmente a aquelas persoas ou agrupoacións preocupadas por aspectos vinculados ao patrimonio ou á normalización cultural de Galicia. Neste ano a xunta directiva de Amigos dos Museos decidiu concederllo ao humorista Siro, pola súa contribución a espallar o humor galego, polos seus estudos sobre Castelao e o humorismo en Galicia, entre outros aspectos. Premio que consiste na edición dun libro deste autor, titulado A Puta Morte, unha reflexión sobre unha santa compaña de celebridades, xa finadas, que el coñeceu nas derradeiras décadas. Siro López e o historiador da literatura Luís Pérez, referíronse ao contido deste libro, que foi entregado aos asistentes.”