Ferrol: entrega do XXI Premio Ricardo Carvalho Calero a Carlos Caetano Biscaínho

A quinta feira 22 de decembro, ás 12:00 horas, no Pazo Municipal de Ferrol (salón de recepcións), terá lugar o acto de entrega do XXI Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación lingüística ou ensaio a Carlos Caetano Biscaínho Fernandes, pola súa obra Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen tregua.

XXI Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Concello de Ferrol publica as bases da XXI edición deste certame de carácter bianual que ten como obxectivo promover a creación literaria e a investigación lingüística. O certame ten dúas modalidades: o “Premio de investigación lingüística ou ensaio” e o “Premio de creación literaria (narración curta)”. O xurado outorgará un premio de 3.700 euros para o/a gañador/a de cada unha das modalidades. O prazo para entregar os orixinais remata o 15 de setembro de 2016.

Isaac Lourido e Cris Pavón, gañadores do premio Carvalho Calero

DesdeCris Pavón Magazine Cultural Galego:
“O crítico literario Isaac Lourido gañou o premio de Investigación Carvalho Calero co ensaio Historia literaria e conflito cultural. Bases para unha historia sistémica da literatura na Galiza. A escritora María Cristina Pavón -Cris Pavón- obtivo, así mesmo, o Carvalho Calero de Creación Literaria con A busca da orixe perdida das especies.
Os premios Carvalho Calero, organizados pola Sociedade Cultural Medúlio e o concello de Ferrol, aumentarán o ano próximo un 25 por cento a súa dotación, de xeito que en cada modalidade repartiranse 5.000 euros fronte aos 3.700 euros deste ano.
O xurado estivo composto, desta volta, por Mercedes Queixas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luís García Soto, que subliñaron especialmente a calidade da obra de Lourido, que definiron como “intelixente e imaxinativa, orixinal e moi ben resolta”. Sobre A busca da orixe perdida das especies salientaron a actualidade da temática e a amplitude da documentación na que se apoia.”

Convocado o XX Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria

O Concello de Ferrol convoca a XX edición do Premio de carácter bianual Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria que ten por obxecto declarar o mérito apreciado nas obras gañadoras, presentadas en concorrencia con outras, e promover a creatividade artística e literaria de acordo coas seguintes bases que rexerán:

Primeira.- O certame comprenderá dúas modalidades:
– Premio de investigación lingüística ou ensaio (entendendo o ensaio como xénero literario nas claves de xeración do discurso, debate e reflexión), no que os traballos presentados terán unha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250 folios.
– Premio de creación literaria (narración curta), que consistirá nunha narración curta ou nun conxunto de contos por autor, cun máximo de 60 folios.
Segunda.- A dotación para cada unha das modalidades do premio será de 3.700 euros impostos engadidos.
Ademais as obras gañadoras serán publicadas polo Concello de Ferrol. Respectaranse os orixinais presentados incluída a normativa lingüística.
Terceira.- Poderán participar neste premio todo/as os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten as súas obras escritas en lingua galega, con liberdade normativa.
Non poderán concursar os premiados, en calquera das dúas modalidades, ata dez anos despois de que lles fose outorgado o premio.
Cuarta.- As obras presentadas deberán ser inéditas. Este requisito deberá ser acreditado mediante declaración responsable asinada ao efecto.
Quinta.- Condicións técnicas: folios DIN A-4, letra Times New Roman, tipo 12 en texto, 10 en notas a pé de páxina e 9 en citas textuais de máis de tres liñas; interliñado sinxelo, marxes de 3 cm.
Nas dúas modalidades os traballos deberán estar axeitadamente grampados ou encadernados.
Sexta.- De cada obra presentarase unha copia en soporte informático e cinco copias en soporte papel, que deberán ser enviadas no período que abrangue dende o 16 de abril e o 16 de xuño de 2014, co correspondente título e lema indicando no sobre, e cun remite que sexa exclusivamente o lema, ao seguinte enderezo postal:
Concello de Ferrol – Rexistro Xeral
XX Premio Ricardo Carvalho Calero
Praza de Armas, s/n
15402-Ferrol
Nun sobre anexo (que acompañará á documentación anterior), pechado e baixo o mesmo lema, constarán os datos persoais, o número de conta corrente, un currículo breve, enderezo, teléfono, NIF e un remite que será exclusivamente o lema. O sobre estará dirixido ao Concello de Ferrol “XX Premio Ricardo Carvalho Calero”.
Sétima.- O xurado, que será nomeado polo Concello, estará formado por un presidente, un/unha secretario/a, que actuará con voz pero sen voto, e catro vogais entre os que figurarán o/s gañador/es da edición anterior e personalidades do campo das letras.
O xurado resérvase o dereito de que o premio quede deserto no caso de que considere que as obras presentadas non teñen a calidade mínima esixible.
O xurado fundamentará as razóns en que se baseou para a concesión do dito premio.
Oitava.- O ditame do xurado farase público, despois de reunirse para fallar o premio, nos primeiros quince días do mes de outubro do presente ano.
Novena.- As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores que o soliciten no prazo dun mes, contado dende o fallo do xurado. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. No caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais será destruídos.
Décima.- O Concello de Ferrol reserva para si os dereitos de autor na primeira edición; a partires da segunda as obras premiadas pasan a ser propiedade do seu autor, que deberá facer constar a condición de persoa gañadora do XX Premio Ricardo Carvalho Calero na modalidade que corresponda.
Undécima.- Polo simple feito de participar neste premio, a persoa ou persoas autoras comprométense a acatar estas bases.
Duodécima.- A Sociedade Cultural Medulio colaborará co Concello de Ferrol no desenvolvemento deste premio.

Ferrol, 6 de febreiro de 2014

O concelleiro delegado de Cultura,
Manuel-Reyes García Hurtado”

Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero

O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia HoxeDiario de Ferrol, Cultura Galega).