Xosé Luís Méndez Ferrín, Premio Laxeiro 2018

Desde Xerais:
“O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foi galardoado co Premio Laxeiro 2018 que concede a Fundación Laxeiro como recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura e a unha traxectoria que alcanzou un nivel de calidade excepcional. A entrega terá lugar o sábado 24 de febreiro no transcurso dun xantar que conmemora a festa que realizaba anualmente o pintor Laxeiro para celebrar o seu aniversario a base de lacón con grelos. Os encargados de entregalle o galardón serán o presidente da Fundación Laxeiro e mais o alcalde de Vigo, engrosando o listado de personalidades que reciben este premio desde o ano 2004 como recoñecemento ao seu labor na potenciación e desenvolvemento da cultura galega. A convocatoria para asistir ao xantar de entrega é aberta e as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro para facer a súa reserva para un acto calificado de entrañable que reúne cada ano a máis de cen persoas, pertencentes ao mundo da cultura, da empresa e da política galegas.
O xornal Faro de Vigo, do que X. L. Méndez Ferrín é colaborador, publicou unha entrevista co escritor galardoado.”

Luz Pozo gaña o Premio Laxeiro 2014

Desde Sermos Galiza:
“No transcorrer do xantar que cada 23 de febreiro, dia do seu aniversario, se lle tributa ao pintor Laxeiro e no que se dan cita amizades e persoas admiradoras da súa obra foi dado a coñecer o nome da nova gañadora do premio que leva o seu nome. A poeta Luz Pozo, que non puido asistir ao acto de entrega por problemas de saúde, foi a escollida para a edición do premio deste ano en “recoñecemento a toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e o ensino”.
O de Luz Pozo é o segundo nome de muller que recibe o premio Laxeiro, despois de que María do Carme Kruckenberg fora a recoñecida na edición do 2011. Francisco Fernández del Riego inaugurou en 2004 a xeira de gañadores nunha lista na que se ían incorporal Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo, Carlos Oroza, Antón Lamazares, Xosé Neira Vilas, María do Carme Kruckenberg, Luís Mª Caruncho e Jorge Castillo. En só unha ocasión, non foi unha persoa a galardoada senón un organismo. Aconteceu na segunda edición do premio na que a Obra Social Caixanova se fixo co Laxeiro do 2005.”