Os
xurados dos Premios Xerais declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de xuño. Os premios serán fallados o sábado 11 de xuño na illa de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2011, nomeou aos membros dos tres xurados:
– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta obras, está formado por: Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, esta formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora), María Dolores Tobío Iglesias (profesora), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e seis obras, está formado por: Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Arquivos da etiqueta: Premio Merlín de Literatura Infantil
Convocada a 26ª edición do Premio Merlín de literatura infantil
Edicións
Xerais de Galicia convoca a vixésimo sexta edición do Premio Merlín de literatura infantil en lingua galega, dotado con 10.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:
1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 11 abril de 2011 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra, indicando no sobre: para o Premio Merlín de Literatura Infantil.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e unha secretaria con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 11 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a. O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.
Vigo, decembro 2010.
Vigo: presentación do Premio Merlín
O libro Mil cousas poden pasar de Jacobo Fernández Serrano, Premio Merlín de Literatura Infantil 2009, será presentado o vindeiro xoves, 10 de decembro, ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo. Participarán no acto Chus Pereiro, Helena Pérez e Jacobo Fernández Serrano.
Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009 (vídeo)
O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou despois da súa última deliberación declarar por maioría como gañadora a presentada baixo o lema Papude que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I. Máis información, no blog de Xerais.