Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Rodríguez: “Non nos podemos contentar cunha cultura galega en guetos, marxinal, atomizada e de leiriñas”. Pode accederse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Premio Nacional Galiza Cultura
A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha “figura imprescindíbel”
Desde Sermos Galiza:
“Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. “Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país”, evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.
Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Fundación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta. (…)”
Ferrol: acto de entrega Premio Nacional Galiza Cultura a Francisco Rodríguez
Ferrol: acto de entrega do Premio Nacional Galiza Cultura a Francisco Rodríguez
Galiza Cultura premia Francisco Rodríguez polos 50 anos de servizo á cultura galega
Desde Sermos Galiza (foto de María Obelleiro):
“A Federación Galiza Cultura de asociacións culturais anunciou esta segunda feira a concesión do Premio Nacional Galiza Cultura ao profesor, escritor e investigador Francisco Rodríguez, a quen se lle recoñecen os seus cincuenta anos ao servizo da cultura galega. A entrega terá lugar o sábado 22 de abril en Ferrol, cidade natal do premiado.
Entrega, traballo e dedicación foron as palabras máis salientadas e reiteradas na rolda de prensa en que se comunicou o fallo do Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga por vez primeira a federación de asociacións culturais homónima e que recaeu en Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol 1945), profesor, escritor e investigador e, sobre todo, traballador, tal e como salientou a presidenta da Federación Galiza Cultura, María Pilar García Negro.
As asociacións culturais que forman parte da Federación decidiron por unanimidade a concesión do premio a Francisco Rodríguez, que o recibirá na súa terra natal, Ferrol, o 22 de abril, nun xantar aberto á participación de quen o desexar. Aliás, máis de trinta entidades adheríronse á adxudicación do recoñecemento ao escritor e estudoso baixo o título “50 anos ao servizo da cultura galega”. O proceso de adhesión, tal e como se informou na rolda de prensa, segue aberta en Galiza Cultura, web en que nos próximos días tamén se activará o formulario de inscrición ao xantar.
Após salientar a unanimidade ao redor do premiado, García Negro ofreceu unha radiografía sobre a cultura que non é de base, “o campo da cultura está por veces moito contaminado de ostentación, de representación clientelar, mesmo caciquil, e estas modalidades que acabo de citar teñen asento, coñecémolas na nosa sociedade”. “Doutra banda, observamos unha importante mingua nos orzamentos destinados á produción cultural por parte dos departamentos correspondentes e, en concreto, por parte dunha consellaría de Cultura que, por certo, non existe de maneira individual como tal, e algo peor aínda, unha falta de vontade e interese político real”, engadiu. (…)
Ao inicio da rolda de prensa, Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña) –en cuxo local tivo lugar a presentación do premio-, deu conta das entidades que convocaron o recoñecemento e das que se adheriron.
Convocan: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), Asociación Cultural Maio Longo (Pontevedra), Asociación Cultural Vagalumes (A Estrada), Sociedade Cultural Medulio (Ferrol), Asociación Cultural A Pomba do Arco (Foz), Agrupación Cultural Francisco Lanza (Ribadeo), Asociación Cultural Auriense (Ourense), Asociación Cultural O Castro (Vigo), Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), Agrupación Cultural O Galo (Compostela) e Universidade Popular de Corcubión.
Adheríronse: Asociación Veciñal Agra do Orzán (A Coruña), Asociación Cultural Alba de Gloria (Soutomaior), Asociación Cultural Almuinha (Marín), Asociación Cultural Arrincadeira (Riotorto), Asociación Veciñal Atochas-Montealto (A Coruña), Agrupación Cultural Avantar (O Carballiño), Asociación Cultural Barbantia (Boiro), Asociación Cultural A Cabana (Moraña), Frente Cultural Canlear (Mos), Asociación Cultural e Veciñal Os Carrilanos (Castrelo de Val), Asociación Veciñal Os Castros (A Coruña), Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (Salvaterra de Miño), Asociación Cultural Correlingua (Compostela), Fato Cultural Daniel Castelao (Pasaia, Euskal Herria). Asociación Cultural A Devesa (Noia), Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos), Asociación Cultural LugoPatrimonio (Lugo), Asociación Cultural Lumieira (Carballo), Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros), Colectivo Pensamento e Sementeira (Viveiro), Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó (Poio), Asociación Cultural Rosalía de Castro (Barakaldo, Euskal Herria), Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro (Madrid, España), Asociación Cultural Roxín Roxal (Paderne), Asociación Cultural As Sobreiras do Ulla (Touro), Asociación Cultural Os Tres Pés (Trabada), Associaçom Cultural Xebra! (Narón) e a Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz).
Aliás, apoian o premio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS‑PG), Confederación Intersindical Galega‑Ensino (CIG‑Ensino), Fundación Galiza Sempre e A Mesa pola Normalización Lingüística.”