Entrevista de César Lorenzo Gil a Daniel Asorey en BiosBardia:
“No século XVII, a República Irmandiña de Galicia converteuse xa nun imperio colonial con posesións en Nova Galiza, na costa do subcontinente brasileiro. Nesta atmosfera literaria medra Nordeste (Galaxia), a novela coa que Daniel Asorey (Santiago, 1970) gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2016. Conversamos co escritor sobre a súa primeira obra publicada.
– BiosBardia (B): En Nordeste os irmandiños gañan a guerra contra os señores no século XV e proclaman unha república. Mais vostede achéganos a Galicia ucrónica 200 anos despois, gobernada por homes “bos” desde unha Compostela máis atlántica ca nunca, co mar en chegando ao Obradoiro. Por que empregar un pasado alternativo para contar esta historia?
– Daniel Asorey (DA): Entendo a literatura como a posibilidade de darlles voz aos oprimidos, aos que non teñen voz. Para min, Galicia non ten voz desde hai séculos. Vive nunha situación política subalterna que a mantén en silencio ante o mundo. Eu quixen imaxinar o meu país, o meu pobo, con voz, cun papel diferente na historia. Pero non buscaba idealizar ese pasado alternativo senón reflexionar sobre a posibilidade de que incluso unha sociedade xurdida dunha revolta contra os poderosos podería, pasado o tempo, volver estar dominada por eles.
– B: Na súa ucronía, os irmandiños son en efecto revolucionarios. Nese punto segue un dos mitos históricos máis controvertidos do galeguismo.
– DA: Eu era consciente dese mito e tamén de que a historia real dos irmandiños é máis complexa, menos utópica. Pero non me interesaba neste libro explicar se a Irmandade derrubaba as fortalezas ao canto de “Viva el-Rei” ou se en realidade estaba controlada pola baixa nobreza. Non, o que quería era xustamente usar un mito noso e logo contrastalo co rigor de que calquera país, se quixo entrar no capitalismo, tivo que alimentarse do sangue das mulleres e dos escravos. A época na que transcorre unha das historias da novela é xustamente esa, a do desenvolvemento do capitalismo tal e como o coñecemos. (…)
– B: Esta é a súa primeira novela publicada, con 46 anos. É vostede un autor cuxo gusto pola literatura lle vén desde novo ou descubriu a escrita xa maduro?
– DA: Eu escribo desde sempre. Gañei varios premios de relato e recoñezo que até a adolescencia me vin sempre como escritor. Pero logo faste adulto, empezas a traballar e escribir pasa a ser secundario. Para min é moi difícil encontrar tempo para a literatura. Esta novela escribina nun verán. Foi cando puiden escribir cun horario regular, todos os días varias horas seguidas. E saíu dun tirón. Para poder construír obras necesito un sistema así. (…)”
Arquivos da etiqueta: Premio Narrativa Breve Repsol
A Coruña: entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol a Daniel Asorey
O mércores 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Paideia da Coruña, terá lugar o acto de entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol a Daniel Asorey, pola súa obra Nordeste. O acto, ao que é preciso acceder con convite previo, será presentado por Ana Rodríguez, e participan, xunto ao autor, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Ignacio Egea, vicepresidente da Fundación Repsol, e Víctor Freixanes, da Editorial Galaxia.
Daniel Asorey: “Que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado?”
Entrevista a Daniel Asorey en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Vés de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016 por unha novela ucrónica que acontece nunha república galega e no Brasil. Cóntanos máis dese libro que poderemos ler a partir de novembro en Galaxia.
– Daniel Asorey: A historia vai sobre tres mulleres en varios momentos históricos, con amor de mulleres tamén. Unha sería a mediados do século XVII, e outra acontecería nos anos 30 do século XX. Hai tres mulleres en tres momentos determinados. A historia comeza cunha foto dunhas decapitacións, que foi a que inspirou a novela. Decapitaron a uns ‘cangaceiros’, unha especie de bandoleiros que existiron no ‘sertao’ do nordeste brasileiro e que coa época do Estado Novo [ditadura portuguesa do s. XX] acabaron sendo perseguidos e aniquilados. Dentro da mitoloxía popular brasileira, eran xente que roubaba aos ricos para lle dar aos pobres, aínda que cometeran crimes terribles. A historia comeza con esa foto, que son sete cabezas dunha banda famosa no Brasil, e unha xornalista tirando unha foto. Unha das protagonistas é unha desas mulleres que logo foron decapitadas, María, que é unha gran bandoleira; outra sería a fotógrafa, que se chama Matilda en honor a Ruth Matilda Anderson. E a outra sería unha vedora, un cargo que eu inventei, unha inspectora ou algo así do século XVII nunha suposta República das Santas Irmandades da Galiza. Esta ucronía sae dunha pregunta: que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado? Entón podería ser que tivesemos unha república galega, que se cadra puido ter loitado polos territorios que tiña Portugal no nordeste de Brasil, como fixo Holanda. E que fariamos alí? Seguramente practicariamos o colonialismo. Hai algo importante na novela, que é a Compañía Galega de Indias, que tería traficado, como fixeron os holandeses e os ingleses. (…)”
Daniel Asorey obtén o Premio Repsol con Nordeste
Desde Galaxia:
“O escritor Daniel Asorey, profesor de Ensino Secundario e coautor do libro de narrativa De soños e memorias (2003), obtivo o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, que se deu a coñecer hoxe na Coruña, cunha obra titulada Nordeste. A historia desenvólvese en dous mundos en interconexión: o sertão brasileiro e unha ucrónica República Galega. Nel as terras da Bahía, o Rio Grande do Norte e São Paulo son colonias dunha Galicia de expansión ultramarina.
Na súa decisión, o xurado pon de relevo “o sobresaínte acabado estilístico destas páxinas, inzadas de poderosas imaxes e símbolos ben atraentes, que conseguen fascinar tanto pola evocación coma pola recreación de paisaxes e escenarios”, ademais da “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos así como unha atractiva arquitectura do relato”.
O xurado estivo formado por Marcos Calveiro, gañador da edición anterior, Euloxio Ruibal, en representación da Real Academia Galega, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Armando Requeixo, nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”
Bases do Premio de Narrativa Breve Repsol 2016
A Coruña: entrega do Premio Repsol a Marcos Calveiro
O martes 17 de novembro, ás 20:30 horas, na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17), na Coruña, Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela Fontán, publicada por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Román Rodríguez González, Ignacio Egea Kraul, Víctor F. Freixanes e Loreto Silvoso. Ao final haberá un recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Unha obra sobre Domingo Fontán de Marcos Calveiro gaña o Premio Repsol
Desde Sermos Galiza:
“O vilagarcián Marcos Calveiro vén de gañar a IX edición do Premio de Narrativa Breve Repsol en lingua galega grazas a unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista ao ilustrado galego Domingo Fontán.
Trátase dunha novela biográfica de fondo histórico que se basea na vida de Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado destacou da obra que “relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos”.
En Fontán xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.
Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.
O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia. (…)”
Bases do Premio de Narrativa Breve Repsol 2015
A Coruña: entrega do Premio Repsol a Santiago Lopo
O mércores 26 de novembro, ás 20:30 horas, na Fundación Paideia (Praza de María Pita, 17), entrégase o Premio Repsol a Santiago Lopo, pola súa novela A diagonal dos tolos, publicada en Galaxia.
Santiago Lopo gaña o VIII Premio de Narrativa Breve Repsol
Desde Galaxia:
“O escritor Santiago Lopo vén de facerse merecente do Premio de Narrativa Breve Repsol pola obra A diagonal dos tolos, que en breve publicará a Editorial Galaxia. (…)
O Xurado estivo composto por prestixiosas personalidades e coñecedores das letras galegas, cada unha das cales foi nomeada por unha institución:
• Nomeado pola Fundación Repsol: Berta Dávila.
• Dolores Vilavedra Fernández, nomeada por la Secretaría Xeral de Política Lingüística.
• Euloxio Rodríguez Ruibal, nomeado pola Real Academia Galega.
• Mercedes Queixas Zas, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
• E Carlos González de Lema, nomeado pola Editorial Galaxia.”