Radiocrítica do 20-01-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Desertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo Rei Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).”



O estudo de Anxo Rei Ballesteros agochaba un ensaio que ve a luz cinco anos após súa morte

Desde Sermos Galiza e Praza:
“A editorial Axouxere vén de publicar Presenza dunha Ausencia (Sobre Maurice Blanchot) un ensaio inédito que o escritor Anxo Rei Ballesteros gardaba no seu estudo e que sae á luz cando se cumpren cinco anos do seu pasamento.
A partir dun texto manografado atopado entre os pais que o escritor deixara amoreados no seu estudo nace este novo libro do escritor Anxo Rei Ballesteros, unha descuberta que se fai pública cinco anos despois da súa morte na Coruña en outubro de 2008.
Rei Ballesteros adéntrase en Presenza dunha Ausencia na obra L´espace littéraire na que o filósofo francés Maurice Blanchot reflicte arredor do proceso creativo e o feito literario, da literatura como expresión do ser.
Os editores anotan que o texto chegou até eles manografado, sen concluír mais, ao seu ver, “conserva, porén, unha estraña aura, un fulgor que brilla desde o seu adentro”. Despois dun profundo traballo de edición, sacan á lus unha obra que, segundo valoran, mesmo pode marcar “un pequeno (humilde e imperceptíbel) fito no despregue da ensaística en galego”. (…)”