Fica deserto o premio Carlos Mosteiro 2020 pola “baixa calidade” das obras

Desde Nós Diario:
“”Ningunha das obras presentadas nos parece merecedora de recibir galardón pola súa baixa calidade”. Con estas palabras pronunciábase Francisco Castro, director xeral da editorial Galaxia e membro do xurado da III edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, “para nós é moi importante manter o nivel que este premio conseguiu nas dúas anteriores edicións”, acrecentaba.
Desta maneira, fica sen adxudicar o premio, ao que concorreran un poemario e sete pezas narrativas, segundo informa o concello da Pobra do Caramiñal nun comunicado de prensa.
Castro manifestou que a decisión das tres persoas integrantes do xurado, que formou con Eulalia Agrelo Costas, filóloga e ensaísta, e Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da segunda edición, foi “difícil” mais debe ser entidade “como unha boa nova”, pois afirmou que “por enriba de calquera cousa está a dignidade deste premio, a calidade deste premio e, polo tanto, este xurado cre que dignificamos máis aínda o premio e a memoria de Carlos Mosteiro declarando neste ano 2020 que esta terceira edición queda sen adxudicar”.
Pola súa parte, Eulalia Agrelo apuntou que “o criterio da calidade debe ser prioritario neste tipo de certames” e que as obras asociadas a este recoñecemento “deben ofrecer un mínimo de calidade”, tanto no que respecta ao texto como á trama que se desenvolve.
Neste senso, expuxo que non se trata unicamente dun elemento dinamizador e que hai que pensar na persoa receptora, toda a traxectoria e todo o que implica a lectura, razón pola cal “temos que ser moi coidadosos no tipo de produto que chegue ás súas mans”.
O alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, expresou o seu agradecemento ao xurado porque “é unha decisión que hai que tomar con valentía e que esperamos que sirva para ese obxectivo de salvagardar a calidade do premio e que siga figurando entre os importantes dentro da Galiza para a literatura xuvenil”. Tamén quixo trasladar unha mensaxe de ánimo para que se sigan presentando obras de cara á próxima edición.
O premio estaba dotado de 1.500 euros e coa súa publicación na editorial Galaxia.”

A Pobra: presentación de A que cheiran as cores?, de Juan Casto Rivadulla Fernández

A Pobra do Caramiñal: II Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

A Pobra do Caramiñal: presentación de Consolación a Marcia. Consolación a Helvia, de Séneca

Xosé A. Neira Cruz gaña o II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“Reunido nas dependencias municipais da Pobra do Caramiñal a mañá do 3 de xullo de 2019, un xurado composto pola escritora Patricia Mallo, a vogal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra O enigma do baúl pechado de Xosé A. Neira Cruz.
O xurado destaca a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural. Ao tempo, o libro destaca por abordar a trama dende unha proposta que se achega ao realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente ao lector ou á lectora durante todo o libro ao redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.”

A Pobra do Caramiñal: presentación de Os Fantom, de Patricia Mallo

O 11 de marzo, ás 12:00 horas, terá lugar na Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal unha presentación de Os Fantom de Patricia Mallo (Premio Carlos Mosteiro) na que participará alumnado dos centros do concello. Acompañando á autora estarán Genoveva Hermo, concelleira de Cultura, e Francisco Castro, director xeral da editorial Galaxia.